Visita da Tropa Verde ao CEIP de Vite I

Tropa Verde realizou diferentes charlas no CEIP de Vite I, explicando a diferenza entre as 3R e animando a participar na campaña "longa vida aos teus residuos eléctricos"

Ba4cd5da9667c6d0abf0cd2161366afcd255396c

O venres 17 de novembro Tropa Verde acudiu ao  CEIP de Vite I para dar unhas charlas adecuadas a cada nivel acerca da importancia da reciclaxe,  as diferenzas entre as 3R e para por o foco nun tipo de residuos moi concretos como son os Residuos de Aparellos Eléctricos e Electrónicos (RAEE) coa campaña "Longa vida aos teus residuos electrónicos" cuxo obxectivo é mellorar os índices de reutilización e reciclaxe deste tipo de residuos, para así prever problemas de contaminación da auga e do chan e emisións de sustancias tóxicas. 

A campaña vaise desenvolver ata finais de ano, e nela recóllenseequipos de informática e comunicacións como pcs, portátiles, ou teléfonos móbiles; e pequenos electrodomésticos, como batedores, secadores de pelo, tostadoras, cepillos de dentes eléctricos, tablets, consolas ou xoguetes a pilas. Tamén se poderán entregar pilas e baterías. Existindo  15 puntos de entrega entre centros e locais socioculturais e polideportivos.

As charlas tamén teñen un obxectivo de diminución de residuos, sobre a necesidade de limitar o uso de embalaxes "porque o mellor residuo é o que non se produce".

Tropa Verde é unha plataforma multimedia que ten por obxectivo fomentar a reciclaxe e a responsabilidade ambiental entre a cidadanía premiando de forma directa as boas accións medioambientais.

Un propósito fundamental da Tropa Verde é a educación ambiental, o que pretendemos é lograr que tanto os individuos como as colectividades comprendan a natureza complexa do medio ambiente (resultante da interacción dos seus diferentes aspectos: físicos, biolóxicos, sociais, culturais, económicos, etc.) e adquiran os coñecementos, os valores e as habilidades prácticas para participar responsable e eficazmente na prevención e solución dos problemas ambientais e na xestión da calidade do medio ambiente.

A educación ambiental resulta clave para comprender as relacións existentes entre os sistemas naturais e sociais, así como para conseguir unha percepción máis clara da importancia dos factores socioculturais na xénese dos problemas ambientais. Nesta liña, debe impulsar a adquisición da conciencia, os valores e os comportamentos que favorezan a participación efectiva da poboación no proceso de toma de decisións.

Por tanto, a educación ambiental, máis que limitarse a un aspecto concreto do proceso educativo, debe converterse nunha base para elaborar un novo estilo de vida. Ha de ser unha práctica educativa aberta á vida social para que os membros da sociedade participen, segundo as súas posibilidades, na tarefa complexa e solidaria de mellorar as relacións entre a humanidade e o seu medio. Destes fundamentos parten as iniciativas da Tropa Verde.

En definitiva, a Tropa Verde quere facer fincapé na idea de que o coidado da natureza e os seus recursos é cousa e causa de todos. E o modo en que pretendemos lograr este obxectivo é facéndolles vivir en primeira persoa as problemáticas relacionadas co tema, a través dunha metodoloxía lúdica e unha aprendizaxe baseada no diálogo.


Fotos de: Andreu Romaní Fotografía

Voltar o listado

Empregamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia do usuario a través da sua navegación. Se continúas a navegar aceptas o seu uso. Política de cookies

Continuar navegando