Verán en Verde, máis de 60 actividades organizadas polos departamentos de Acción Cultural e Medio Ambiente
A concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, e o concelleiro de Medio Ambiente, Xan Duro, presentaron esta mañá o programa Verán en Verde, no que se recollen as propostas dos seus departamentos para os meses de xullo a setembro. En total, serán 66 actividades que se celebran nos parques, espazos naturais e lugares de encontro sociocultural.
.
A concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, e o concelleiro de Medio Ambiente, Xan Duro, presentaron o programa Verán en Verde, no que se recollen as propostas dos seus departamentos para os meses de xullo a setembro. En total, serán 66 actividades que se celebran nos parques, espazos naturais e lugares de encontro sociocultural.
A división en tres apartados serve para organizar as actividades e que sexa máis doado escoller a que cada un prefira nun determinado momento, así como que a cidadanía, poida ver, facer e percorrer a cidade coñecéndoa e gozándoa máis. As actividades de Ver están todas organizadas polo Departamento de Acción Cultural. Destacan neste apartado as propostas que se fan en colaboración co programa Cultura no Camiño, da AGADIC da Xunta de Galicia. Serán un total de oito espectáculos de luns a xoves nesta mesma semana e na que vén. En diferentes prazas e parques da cidade e dirixidos a un público familiar, poderase gozar coas compañías Albadulaque, Ghazafellos, Mundo Mandarina, Delirium e Daboapipa, así coma con Raquel Queizás, Magín Blanco e o Mago Richard.
Continúa o apartado, o venres 22, co Circompostela en Belvís, e o sábado 23 coa Romaría Cativa no parque de Bonaval. E xa en agosto teremos A viaxe marabillosa na praza da Quintana coa Escola de Teatro da Fundación Valle-Inclán, que adaptou a obra A lámpada marabillosa.
Facer
No apartado Facer agrúpanse as actividades nas que o público tamén participa, que obrigan a moverse, nas que non só se permanece sentado vendo e escoitando… Así, dende o Departamento de Acción Cultural ofrécese un espazo para o movemento e saúde nos parques, con obradoiros de respiración saudable, escola de columna e circuítos saudables. Tamén un espazo para a danza, cos obradoiros de danza creativa e de danza en familia con Can Cun Quinqué. Ademais, haberá tamén obradoiros de achegamento ao circo e sesións de Imos ao baile.
O Departamento de Medio Ambiente organiza tres obradoiros medioambientais a través do Centro de Interpretación Ambiental do Concello, CIAC. Serán os sábados 16 de xullo, 20 de agosto e 17 de setembro, arredor da observación de aves, o consumo responsable e a compostaxe, respectivamente.
Percorrer
Por último, no espazo Percorrer agrúpanse as actividades nas que os participantes aprenden e gozan mentres percorren os parques e espazos verdes da cidade. O Departamento de Centros Socioculturais organiza circuítos saudables no mes de xullo en grupos máximos de 20 persoas que percorrerán diferentes parques da cidade de 10:00 a 13:00 horas en diferentes datas.
Ademais, tamén dende Acción Cultural, ofrécense roteiros culturais. Haberá un total de seis, tres deles literarios con saída dende a praza de Mazarelos e que axudarán a entrever novos recunchos posibles do mapa literario da cidade. E outros tres arredor das Irmandades da Fala con saída dende o quiosco da Alameda para seguir as pegadas das Irmandades na nosa cidade, coñecer aos seus e as súas principais protagonistas e ter unha visión xeral do que supuxo este movemento. Ademais, o 9 de agosto celébrase a Ruta das Verbas, un espectáculo da Escola de Teatro da Fundación Valle-Inclán, en formato de visita guiada dramatizada por puntos significativos para o escritor nos que se representarán distintas escenas amosándonos a súa vida e obra.
Dende o Departamento de Medio Ambiente temos visitas aos parques e xardíns, en total oito, que se celebran algúns martes e venres dos meses de xullo e agosto e serán polos parques de Bonaval e Vista Alegre, a Alameda e a Finca do Espiño. Tamén haberá rutas naturais que se celebrarán en xullo e serán polos Sarela, Corgo e Sar e os parques forestais do Pedroso. Estas visitas e rutas estarán conducidas por Ferrovial. Ademais, dende o CIAC promóvense tres rutas medioambientais de biodiversidade urbana, por Belvís e polas Brañas de Sar; e outras tres en colaboración co Departamento de Centros Socioculturais baixo as temáticas da auga, as hortas e a biodiversidade, e unha ruta circular de biodiversidade urbana para coñecer a flora e fauna.
Apego
Ademais, os concelleiros presentaron tamén o folleto do programa Apego dos meses de Verán. Cómpre lembrar que se unificaron todas as propostas municipais para os nenos e nenas nun só folleto, para así facilitar ás familias o coñecemento das actividades que se lles ofrecen dende o Concello. E fíxose dende o Departamento de Lingua ao abeiro do proxecto Apego. Por iso, neste folleto poderase atopar toda a programación en galego dos diferentes departamentos dirixida aos máis pequenos da casa.