Unha campaña de reciclaxe para lograr que as Cíes sexan Patrimonio da Humanidade
O Concello de Vigo iniciará despois do verán os trámites para lograr que as Illas Cíes sexan declaradas como Patrimonio da Humanidade por parte da Unesco.
O alcalde, Abel Caballero, explicou que cada ano só pode optar un aspirante de Galicia e que por iso non quixeron interferir con propostas doutros municipios ata o momento.
O alcalde presentou onte outra das accións deseñadas para competir pola declaración como Patrimonio da Humanidade, neste caso a repartición de bolsas de reciclaxe entre os viaxeiros a Cíes.
Os usuarios das navieras que operan na Estación Marítima recibirán a pé de despacho de billetes un pack con tres bolsas diferenciadas en cor azul, amarelo e verde para separar, respectivamente, papeis e cartóns, os envases de plástico, latas e bricks así como as botellas e frascos de vidro xerados nas Illas Cíes para despois poder depositalas nos colectores da recollida selectiva de residuos unha vez de regreso á cidade.
Ademais, recibirán unha pequena guía explicativa sobre a campaña que está a levar a cabo a empresa concesionaria da recollida de residuos sólidos urbanos, FCC.
FCC recolle os residuos procedentes dos restaurantes e do cámping das illas Cíes entre os meses de maio e setembro. O pasado ano contabilizáronse un total de 18 toneladas de residuos neste enclave natural entre xullo e agosto. A media de residuos recolleitos nas Illas Cíes ascende a 1.200 quilos cada fin de semana, segundo informou a empresa concesionaria.
Vía: Gestores de Residuos
Voltar o listado