UCGAL e o Concello de Santiago poñen en marcha o Proxecto #EuCompost_ela

O 2 de decembro tes unha cita coa economía circular. 

E87db0f04c8dbacbc13ddf1454262a233f981818

Baixo a marca #EuCompost_ela, o Concello de Santiago de Compostela e a Unión de Consumidores de Galicia poñen en marcha unha serie de actividades coas que buscan fomentar entre as persoas consumidoras do Concello de Santiago un coñecemento máis profundo da economía circular para que sexan conscientes da necesidade de facer un consumo responsable e sostible, e da importancia de reciclar correctamente, especialmente agora que se está a introducir o chamado “quinto contedor” no que só se poderá verter materia orgánica.

O 2 de decembro, ás 19:30 horas, celebrarase no Teatro Principal o faladoiro ‘Arredor da economía circular’. O evento, que será conducido polo divulgador científico Manuel Vicente, director e presentador do programa Efervesciencia da Radio Galega; contará coa participación de Eva Quiroga, bióloga especializada na Xestión do Desenvolvemento Sostible, e dos actores e humoristas Fran Rei e Pedro Brandariz

Este espazo de encontro entre a ciencia e o humor servirá para reflexionar en materia de consumo e medio ambiente poñendo o foco nas vantaxes da economía circular, as dificultades e resistencias existentes á súa implantación, o proceso de integración e normalización da compostaxe nas cidades; así como tamén en cuestións que van desde o problema que supoñen os residuos electrónicos ata a correcta utilización dos contedores de reciclaxe.

Por limitacións de aforo e para cumprir coas normas hixiénico sanitarias, será preciso anotarse no seguinte formulario para poder asistir presencialmente ao faladoiro, indicando nome e apelidos das persoas que asistirán ao evento (ata un máximo de tres). O evento é gratuíto.

Ademais, o coloquio será emitido en directo a través da canle de Youtube da Unión de Consumidores de Galicia.


Artigo publicado na web de consumidores.gal. Consúltao aquí completo e toda a información sobre as iniciativas complementarias.

Voltar o listado

Empregamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia do usuario a través da sua navegación. Se continúas a navegar aceptas o seu uso. Política de cookies

Continuar navegando