Tropa Verde, recoñecida como "Mellor campaña de sensibilización das AAPP" nos "Premios R" 2016
Tropa Verde, proxecto do Concello de Santiago de Compostela en colaboración con Teimas recibiu este ano o primeiro premio da categoría "Mellor campaña de sensibilización das Administracións Públicas"
Ecoembes, a organización ambiental sen ánimo de lucro que promove a sustentabilidade a través da reciclaxe de envases en España, celebrou este mércores a cuarta edición dos "Premios R" Tropa Verde, proxecto do Concello de Santiago de Compostela en colaboración con Teimas, compañía especializada en solucións tecnolóxicas para o sector dos residuos e a reciclaxe, recibiu este ano o primeiro premio da categoría "Mellor campaña de sensibilización das Administracións Públicas".
Os "Premios R" teñen como obxectivo poñer en valor aquelas iniciativas innovadoras que fomentan e/ou divulgan a reciclaxe no noso país, así como o labor daquelas persoas que velan polo coidado do medio en diferentes ámbitos de traballo. Xa na súa cuarta edición, constitúen un fito para aqueles actores sociais que traballan día a día para fomentar a reciclaxe no noso país, entre os que se inclúen tanto cidadáns, como empresas, Administracións Públicas ou organizacións sociais.
Durante a presentación dos premios deste ano, Óscar Martín, conselleiro delegado da institución organizadora, destacaba que "Os Premios R son unha forma de agradecer ese compromiso e de dar visibilidade a iniciativas que están a marcar os pasos cara á sociedade do futuro". Para iso contaron con seis categorías ademais da xa mencionada "Mellor campaña de sensibilización das Administracións Públicas", estas foron: "Mellor traballo xornalístico", "Mellor iniciativa social", "Mellor campaña de sensibilización das Administracións Públicas", "Mellor medida empresarial", "Mellor proxecto de innovación e/ou emprendemento" e "Premio de Honra 2016", co que Ecoembes premia a dedicación profesional ao mundo da reciclaxe dun experto do sector.
O proxecto tecnolóxico de sensibilización ambiental Tropa Verde incentiva aquelas accións positivas para o medioambiente e a reciclaxe a través de recompensas aos cidadáns máis comprometidos. Cada vez que unha persoa acode aos puntos habilitados para a entrega de residuos -como Puntos Limpos ou Centros Socioculturais- recibe un cheque con estrelas que pode trocar na plataforma web tropaverde.org. A cambio, obtén recompensas achegadas polos establecementos colaboradores, contribuíndo desta forma ao comercio local e á calidade ambiental dos seus concellos.
Desde o arranque de Tropa Verde cada día aumenta o volume de visitantes aos puntos de recollida de residuos de Santiago de Compostela, así como tamén o fai o nivel de concienciación coa reciclaxe. Con máis de 2.000 cidadáns implicados, máis de 12.000 accións rexistradas e máis de 15.000 euros en premios, a capital galega foi a primeira da serie de cidades adheridas ao proxecto a fin de avanzar na consecución dos obxectivos europeos de reciclaxe e de achegar a economía circular ao día a día dos cidadáns.
Coñeza a todos os galardoados deste ano en: https://www.ecoembes.com/es/premios-r-de-ecoembes.
Voltar o listado