Tres cidades que xa se afunden polo cambio climático

SON TRES EXEMPLOS DO QUE SUCEDERÁ PRONTO CON POBOACIÓNS MÁIS GRANDES.  TANGIER (EEUU),  FAIRBOURNE (REINO UNIDO) E TUVALU, NO PACÍFICO, AFÚNDENSE SEN REMEDIO.

93c0e262d3a7f42412198f882236a349869775fc
Xa non son só algúns illotes desertos os que aparecen nas noticias como primeiros lugares que van quedando sepultos baixo as augas por efecto do cambio climático. Agora empezan a ser xa pequenas cidades enteiras, con miles de habitantes nalgún caso, as que preparan a súa evacuación xeral porque se afunden e dentro duns trinta anos sinxelamente non existirán. É unha nova fase dun proceso por desgraza irreversible e que irá sumando máis cidades cada vez máis poboadas, cada vez máis grandes e con consecuencias cada vez máis dramáticas. O cambio climático era isto.

Tangier é unha cidade, situada na illa do mesmo nome, na baía de Chesapeake (Virginia, EEUU), situada a moi baixa cota sobre o nivel do mar. Cada milímetro que soben as augas pode parecer irrelevante para a maioría das persoas, pero para enclaves como este representa varios palmos de terreo que desaparecen. En 1900 tiña aproximadamente 1.100 habitantes, pero a subida do mar xa reduciu a poboación a 436 veciños, pois a inundación do seu territorio acelerouse desde fai unhas poucas décadas. Espérase que dentro de 15 ou 30 anos perda a totalidade das súas terras habitables.

Por iso, o drama humano e social que se vive en  Tangier non é senón un anticipo do que sufrirán na seguinte xeración urbes costeiras moito maiores. «Pronto, estes estadounidenses, habitantes da última comunidade pesqueira de  Virigina, converteranse en refuxiados do cambio climáticos, obrigados a trasladarse», afirma David Shulte, do College of William and Mary, que investigou o progresivo afundimento da illa. Tangier perdeu o 67% da súa masa terrestre desde 1850 debido ao quecemento global.

Shulte e os seus colegas calcularon o que custará facer fronte á situación mediante dúas posibilidades diferentes: protexer a cidade fronte á inundación ou ben trasladar a todos os seus habitantes a outro sitio.

A conclusión é que as obras de contención do mar, as accións de dragaxe e outras infraestruturas para salvar a illa custarían entre 250 e 350 millóns de dólares. A opción de recolocar aos seus 436 habitantes sería máis barata: entre 100 e 200 millóns de dólares.

Tamén en Gran Bretaña

Alén do océano, en Gran Bretaña, os 700 habitantes de Fairbourne, un pequeno núcleo costeiro ao norte de Gales, atopáronse da noite para a mañá con que este pobo será desmantelado, despois das autoridades chegasen á conclusión de que para o ano 2054 xa non será seguro vivir alí. Estes 700 veciños serán os primeiros refuxiados climáticos de Gran Bretaña.

«Condenaron ao pobo. Agora teñen que recolocar á xente. Son 450 casas», sinala o presidente do concello municipal de Fairbourne, Stuart  Eves. «Se queren que nos vaiamos para 2054, deben ter onde acomodarnos», afirma en declaracións a Associated Press.

En realidade, ninguén quere irse. Hai moitos xubilados, pero tamén familias novas con nenos que gozan dunha vida natural e ao aire libre. Pero, en realidade, todo está a cambiar, debido ás emisións masivas de CO2 provocadas pola humanidade desde hai case dous séculos.

Os científicos aseguran que o nivel das augas subiu 10 centímetros no último século e para 2100 aumentaría entre 70 centímetros e un metro, dependendo das emisións de gases de efecto invernadoiro que se lancen en diante. Fairbourne, igual que Tangier, está case ao nivel do mar, nunha marisma de auga salobre.

As autoridades investiron millóns de libras para reforzar un muro mariño e uns tres quilómetros de barreiras fronte aos temporais. Pero é igual, non hai remedio: «Temos que ser realistas, non podemos protexer toda a costa», sinala Richard  Dawson, profesor de enxeñería da Universidade de Newcastle.

De feito, os expertos cifran no medio millón o número de propiedades que corren perigo de ser asolagadas na costa en Reino Unido dentro de trinta anos, número que se elevará a 1,5 millóns en 2080.

O caso desesperado de Tuvalu

Pero nin Fairbourne nin Tainger sufrirán tanto as consecuencias da subida do nivel do mar como o pequeno país-illa de Tuvalu, situado no Pacífico e rodeado de moitas outras illas, como Kiribati, Samoa ou  Fiji. A diferenza dos dous pobos británico e norteamericano, os habitantes de Tuvalu non teñen o continente preto. Están literalmente no medio da nada.

Este pequeno estado insular adquiriu relevancia con motivo do recente cume de Glasgow cando o seu ministro de Exteriores, Simon Kofe, compareceu por videoconferencia coa auga, literalmente, ata os xeonllos. Con traxe e gravata, detrás do seu atril e coas bandeiras ao seu lado, o político decidiu falar desde a auga para facer visible o drama do seu pobo.

«Estamos a afundirnos, pero o mesmo está acontecendo a todo o mundo», afirmou Kofe. A illa de Tuvalu, no Pacífico, onde viven 12.000 persoas, quedará deserta en trinta anos. 

Tuvalu é moi pequeno (26 quilómetros cadrados, case como a illa da Graciosa, en Lanzarote), pero ten bastante poboación: 12.000 persoas. Ten o seu propio aeroporto, un banco, escola, biblioteca e algúns hostais.

A cota máis alta é de só catro metros sobre o nivel do mar. «Estas son masas terrestres extremadamente baixas e gran parte da terra habitable xa queda baixa a auga durante as mareas normais. Cada milímetro de aumento do nivel do mar incrementa a extensión e profundidade das inundacións mariñas», sinalou á BBC o experto en cambio climático Arthur Webb, que traballa nun proxecto de adaptación costeira de Tuvalu.

A míngua da superficie habitable engádese outra adversidade ecolóxica, como é a  salinización das súas augas subterráneas. Iso fai que a poboación dependa xa practicamente da auga de choiva, pero os poucos cultivos existentes, basicamente a árbore do pan, é moi  intolerante ao sal e está gravemente ameazado.

Tuvalu pertence á Alianza de Pequenos Países Insulares (Aosis, en inglés), con 39 membros, entre os que tamén están illas do Caribe, como Antigua e Barbuda, ou do Índico, como Maldivas. Os problemas son idénticos en todos eles.

Como dixo ante a COP26 o primeiro ministro de Antigua e Barbuda, «a contribución dos pequenos estados insulares ás misións globais do CO2 é menos do 1%; os nosos países son os menos culpables do dano ambiental a nivel mundial. Pero, en cambio, nós somos os que pagamos o prezo máis alto».

Artigo traducido ao galego dende VerdeyAzul. Consulta aquí o orixinal.
Imaxe por Ahmed Yaaniu
Voltar o listado

Empregamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia do usuario a través da sua navegación. Se continúas a navegar aceptas o seu uso. Política de cookies

Continuar navegando