Sete craves para entender o «extraordinario» episodio da calima en España

Media España tinguida de laranxa desde primeiras horas deste pasado martes tras a chegada de po en suspensión do norte de África á Península, que xerou un episodio «intenso e significativo» de calima, choivas de barro e un empeoramento da calidade do aire.

735da6ebc7ec46d7207a436e44eaa720c6eab6ac
Esta situación vese favorecida en gran parte pola borrasca Celia, que impulsa fortes ventos procedentes do deserto do Sahara, e que afecta con maior intensidade a amplas zonas do sueste, do centro e do noroeste peninsular, segundo datos da Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet).

Estes son os sete puntos craves para entender este significativo episodio que tinguiu de laranxa a medio país, segundo explica Aemet.

1.- Que é a calima?
Unha entrada de po en suspensión procedente do deserto do Sahara deu lugar, desde onte pola tarde, a un extraordinario episodio de calima con reducións na visisbilidade pola presenza de partículas secas (en contraposición coa bruma ou néboa, compostas por partículas acuosas) e que deixa o ceo con tons ocres.

2.–En que puntos de España afectará con maior intensidade e ata cando?
Esta intrusión notarase sobre todo en puntos do sueste, do centro e do noroeste peninsular, pero tamén en zonas de Holanda e mesmo no noroeste de Alemaña. 

3.- Cales son as causas?
As causas hai que buscalas na borrasca Celia que, centrada no Golfo de Cádiz, impulsa desde o deserto cara á península ventos intensos cargados de partículas de area. Esas partículas viaxan en capas baixas da troposfera, por baixo dos 4 quilómetros ata alcanzar a península, e debido á súa alta concentración caen pola acción da gravidade - deposición seca- dando lugar a unha extensa capa de po que de deposita sobre casas, rúas e coches.
Cando as choivas e nevadas arrastran po ata a superficie, dise que hai unha deposición húmida do po. Son as coñecidas como «choivas de barro», que nalgúns casos xa se rexistraron.

4.- Que é o máis significativo desta entrada de po?
O máis significativo desta entrada de po é a mala calidade do aire que respiramos; martes alcanzou niveis moi desfavorables, e mesmo extremadamente desfavorables, nalgunhas zonas de España ante a presenza de partículas moi pequenas en suspensión (inferiores a 10 micras, e mesmo a 2,5 micras) e que poderían provocar afeccións respiratorias e/ou circulatorias.

5.- Trátase dun episodio illado?
En España estes episodios non son «nin estraños nin illados», especialmente en puntos das Illas Canarias, onde son habituais. Segundo datos de Aemet, entre 2004 e 2009 houbo po en suspensión ata un 30 por cento dos días no sueste peninsular, un 18 por cento de días no centro do país e un 10 por cento dos días no noroeste da península.

6.- É o episodio máis intenso dos últimos anos?
É difícil de determinar pola falta de datos, pero os especialistas cren que nalgúns puntos como Murcia pódense alcanzar niveis moi altos. O presidente da Asociación de Xeógrafos Españois (AGE), o catedrático da Universidade de Alacante (UA) Jorge Olcina, sinalaba onte, ao comezo do episodio, que se trata de «unha chegada de po sahariano como facía décadas que non se rexistraba en España».

7.- Inflúe o cambio climático nestes episodios ?
Non está moi claro, aínda que é certo que no últimos 100 anos o deserto do Sahara aumentou nun 10 por cento a súa superficie o que supón unha maior fonte de partículas; ademais o cambio climático favorece a aridez e inflúe na frecuencia e intensidade dos patróns meteorolóxicos como as borrascas, que necesitan de vento para arrastrar o po. 

Foto de Michael en Pexels
Voltar o listado

Empregamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia do usuario a través da sua navegación. Se continúas a navegar aceptas o seu uso. Política de cookies

Continuar navegando