Se o desperdicio alimentario fose un país sería o terceiro maior emisor de gases de efecto invernadoiro e o maior usuario de auga de rega.
Máis do 40% prodúcese nos fogares, polo que se queremos levar unha alimentación sostible é algo a ter moi en conta.
As enormes perdas de alimentos a nivel mundial requiren unha acción conxunta.
Abordar o problema das inxentes perdas de alimentos no mundo é clave para reducir a fame e a pobreza, e os gobernos e as empresas deben intensificar a súa colaboración neste tema, segundo sinalaron hoxe os participantes nun congreso internacional sobre as perdas e o desperdicio de alimentos.
Mentres que 842 millóns de persoas sofren de fame crónica, preto de 1 300 millóns de toneladas de alimentos pérdense ou desperdician cada ano. A FAO calcula que os alimentos producidos, pero que nunca chegan a comerse, serían suficientes para alimentar a 2 000 millóns de persoas.
Mesmo lograr reducir á metade o nivel actual das perdas tería un impacto enorme no aumento previsto do 60 por cento na dispoñibilidade de alimentos necesario para alimentar a unha poboación mundial que chegará a 9 000 millóns en 2050.
O Subdirector Xeral fixo fincapé en que os gobernos nacionais e as organizacións públicas non poden resolver o problema pola súa conta, pero deben traballar para crear as condicións correctas de investimento para que actuei o sector privado.
"Só as persoas que producen alimentos poden reducir as perdas nunha escala significativa", subliñou.
Werner M. Dornscheidt, Presidente e Director Xeral de Messe Düsseldorf GmbH, socio da iniciativa SAVE FOOD, asegurou pola súa banda que: “como punto de encontro para os responsables internacionais de todos os ámbitos pertinentes, o Congreso SAVE FOOD pretende axuntar experiencias, fomentar o diálogo, aproveitar as sinerxias e dar un novo impulso. Estou seguro de que o Congreso terá un impacto decisivo en promover o noso obxectivo común".
Forza destrutiva
Ademais de afectar á seguridade alimentaria e a xeración de ingresos, en particular aos pequenos campesiños, as perdas e o desperdicio de alimentos tamén fan estragos no medio ambiente, engulindo valiosos recursos de auga e terra e contribuíndo ás emisións de gases de efecto invernadoiro.
"Se a perda e o desperdicio mundial de alimentos fose un país, sería o terceiro maior emisor de gases de efecto invernadoiro e o maior usuario da auga de rega", dixo Wang o congreso.
“A superficie de terra –engadiu- utilizada para producir alimentos que ninguén come, equivalería ao segundo país máis grande no mundo”.
Procura de solucións
A perda de alimentos prodúcese principalmente durante as diversas etapas de produción: recolección, transporte e almacenamento, mentres que o desperdicio ocorre normalmente a nivel do comerciante polo miúdo e o consumidor, ao final da cadea de subministración alimentaria.
O congreso SAVE FOOD –de dous días de duración- conta coa participación de organismos de Nacións Unidas como o PNUMA, o PMA e o FIDA, institucións públicas e empresas privadas, para analizar as causas das perdas de alimentos e as mellores solucións para reducilas.
O congreso centrarase en particular na perda e o desperdicio de alimentos nos sectores do peixe, cereais, leite, froitas e verduras e raíces e tubérculos.
Fundada en 2011 pola FAO e a firma organizadora de feiras comerciais Messe Düsseldorf, SAVE FOOD: Iniciativa mundial sobre a redución das perdas e o desperdicio de alimentos, reúne a 250 socios, incluíndo organizacións e empresas públicas e privadas, nun intento de cambiar as prácticas de xestión, as tecnoloxías e o comportamento das persoas involucradas nas cadeas de subministración de alimentos.
Entre as súas actividades, a Iniciativa mundial apoia aos sectores público e privado na posta a proba e implementación de proxectos de redución de perdas de alimentos, así como daqueles que promoven a reutilización ecolóxica de alimentos desperdiciados, por exemplo, para a alimentación animal e o compost.
Foto de Gary Barnes en Pexels
Voltar o listado