Santiago de Compostela súmase á celebración da Semana Europea da Mobilidade
Compostela vaise sumar á celebración da Semana Europea da Mobilidade cun calendario cheo de actividades dende o 16 ao 23 de setembro. O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade, Jorge Duarte, presentou a programación, acompañado por representantes dalgunhas das entidades que colaboran nela, como Composcleta, Amico ou Cogami.
O concelleiro lembrou que a Semana da Mobilidade naceu co obxectivo de concienciar á cidadanía "da necesidade de priorizar o transporte público e os desprazamentos peonís e a urxencia de recuperar as cidades para os cidadáns, obxectivos cos que concorda o Goberno compostelán".
A celebración da Semana da Mobilidade comezou o venres 16 co chamado "Parking Day" en colaboración con Greenpeace.
Accesibilidade e Día sen Coches
O mércores 21 será o Día da Accesibilidade dentro da Semana da Mobilidade. Neste caso, as actividades desenvólvense en colaboración con Cogami e Amico, que aproveitarán a xornada para concienciar das dificultades coas que se atopan no seu día a día as persoas con mobilidade reducida. Para iso, ás 11:30 horas, farase un percorrido en cadeira de rodas dende Xoán XXIII ata a porta do Pazo de Raxoi. Pola tarde, faranse percorridos semellantes dende a praza do Toural ata a praza de Galicia, nos que poderá participar quen o desexe. Cogami e Amico utilizarán para iso 30 cadeiras de rúas e outros tantos voluntarios. A actividade, baixo o lema "Ponte no meu lugar", será de 17:00 a 20:00 horas.
Susi Pérez, da Asociación de Persoas con Discapacidade de Compostela e Comarca, Amico, e Álvaro García, de Cogami, coincidiron na necesidade de seguir organizando actividades deste tipo "para que calquera se poida poñer no lugar das persoas con problemas de mobilidade, porque aínda que en Compostela se foron dando pasos, queda moito por facer". Nesa liña, o concelleiro Jorge Duarte adiantou a próxima sinatura dun convenio con Cogami, que recolle o compromiso municipal de poñer en marcha unha serie de medidas para mellorar a accesibilidade en Santiago.
Compostela tamén se sumará ao Día Internacional sen Coches, o xoves 22. Para fomentar que a cidadanía deixe o seu vehículo privado na casa, haberá cesión gratuíta de bicicletas dende o aparcadoiro de Salgueiriños, o de Santa Marta e a estación do ferrocarril. Nos tres puntos haberá voluntarios que se encargarán de recoller os datos para poder acceder a unha bicicleta, que deberá ser devolta dentro do horario da actividade.
Por último, tamén no marco da Semana da Mobilidade, o venres 23 de setembro haberá unha charla aberta con Francesco Tonucci, sobre "A cidade das nenas e dos nenos: unha nova filosofía de goberno da cidade", organizada pola Concellaría de Educación e Cidadanía.
A Semana Europea da Mobilidade está impulsada pola Comisión Europea dende o ano 2000 e celébrase do 16 ao 22 de setembro co obxectivo de promocionar a mobilidade sostible e o desenvolvemento de boas prácticas que contribúan a paliar os problemas derivados do aumento do tráfico nas cidades. Este ano, o lema da Semana Europea da Mobilidade é "Mobilidade Intelixente. Economía Forte", co que se pretende concienciar á poboación de que a mobilidade intelixente e sostible tamén ten beneficios económicos.
Vía: Concello de Santiago
Voltar o listado