Queres converterte en persoa embaixadora do Pacto europeo polo clima?
A Dirección Xeral de Acción Climática da Comisión Europea abre a convocatoria para persoas embaixadoras do Pacto europeo polo clima. Que fan estes/as Embaixadores/as? Quen pode presentarse? Resvolvemos todas as túas dúbidas neste artigo.
Cal é o papel destas persoas?
- Chegar ás persoas ou organizacións que aínda non están involucrados na acción climática.
- Informar, inspirar e apoiar a acción climática dentro das súas comunidades e redes.
- Liderar, a través do seu exemplo, a acción climática e a protección do medio.
- Converterse nunha ponte entre a sociedade civil, os grupos de interese implicados na acción climática e a Comisión Europea.
Quen pode converterse en persoa embaixadora?
- Calquera persoa individual pode solicitar ser embaixadora.
- As organizacións poden propoñer unha persoa representante que se convertería en embaixadora no seu nome (neste caso, para cambiar de representante é necesario informar á Comisión e enviarlle unha xustificación do cambio).
En calquera caso, as persoas embaixadoras comprométense a respectar os valores do pacto.
Cales son os beneficios de ser persoa embaixadora?
- Recoñecemento público do seu papel por parte da Comisión Europea, por exemplo, no sitio web do pacto.
- Visibilidade para a súa acción climática, por exemplo, no sitio web do pacto e en redes sociais.
- Adquisición de ferramentas de comunicación, por exemplo, un kit de comunicación do pacto (dispoñible a principios de 2021)
- Acceso á rede de persoas embaixadoras.
Que tipo de actividades poden realizar as persoas embaixadoras na súa función?
- Impartir charlas sobre o cambio climático durante as actividades que se realicen de xeito habitual na súa contorna, especialmente dirixidas ás persoas que aínda non participan na acción climática.
- Interceder no ámbito nacional, rexional e local para persuadir ás autoridades públicas, escolas, organizacións e empresas para que se comprometan con accións e establezan compromisos ambiciosos en materia de clima.
- Colaborar coas comunidades locais, especialmente cos grupos vulnerables e de baixos ingresos, con accións de comunicación e actividades de acción climática adaptados ao contexto, aos desafíos e ás necesidades locais.
- Intercambiar coñecementos cientificamente contrastados e sensibilizar sobre temas relacionados co cambio climático, por exemplo, mediante a organización de eventos e debates temáticos en liña ou de xeito presencial, a realización de campañas nos medios de comunicación e as redes sociais, a publicación de datos, coñecementos especializados e historias relacionadas co cambio climático, e a procura de novas formas e canles para aumentar a sensibilización sobre o cambio climático.
- Organizar actividades relacionadas co clima e a acción ambiental, por exemplo, plantar árbores, organizar mesas de información, días sen coches, etc.
- Interconectar as persoas que son activistas climáticas locais con outras redes locais, estatais e europeas.
- Intercambiar coñecementos, por exemplo, mediante a capacitación entre iguais, para axudar a calquera persoa a iniciar ou ampliar as iniciativas sobre o clima
- Probar diversas solucións climáticas para que poidan ser replicadas e difundidas noutros lugares.
Como podo converterme en persoa embaixadora?
Podes facelo enchendo o formulario de solicitude en liña, dispoñible en: https://ec.europa.eu/eusurvey/runner/ClimatePactAmbassadors (en inglés).
Neste formulario, pediráselle que subscriba os valores do Pacto climático, que describa as actividades que pensa desenvolver como persoa embaixadora do pacto e que acepte que se comparta e difunda información sobre esas actividades e o seu perfil como persoa embaixadora.
Segundo explica a Comisión Europea, as persoas embaixadoras serán seleccionados mediante un proceso obxectivo e transparente baseado nos seus méritos e na súa motivación como solicitantes. Se unha persoa é seleccionada como embaixadora, recibirá un correo electrónico de confirmación da Comisión Europea. O seu nome, foto e descrición publicaranse no sitio web do pacto.
Por defecto, a duración da condición de persoa embaixadora é dun ano. Para prolongar a súa función, debe informar sobre as actividades realizadas e renovar as declaracións mencionadas.
Imaxe da nova: Dominic Wunderlich en Pixabay
Voltar o listado