Que está pasando no Mar Menor?

"O Mar Menor pode ser o primeiro de moitos espazos naturais en sucumbir ás fortes presións humanas", afirma Félix Picazo. 


Os científicos e divulgadores da plataforma  Ecomandanga lanzaron o comunicado 'Usemos a ciencia para salvar o Mar Menor' tras o último episodio "dramático" na historia da lagoa, coa aparición esta fin de semana de miles de peces e crustáceos mortos ou agonizantes nas súas beiras "en busca dun osíxeno que esas augas xa non podían proporcionarlles".

F5ce96a47e60057e7af3df130f77bb84b6120a3d
Os responsables de  Ecomandanga afirman que, "se non cambian as cousas, o Mar Menor vai camiño de colapsar, o que conlevaría un desastre ecolóxico e económico de valor incalculable. Os cidadáns temos que esixir medidas baseadas no criterio científico contrastado que aseguren a recuperación do Mar Menor", reclaman nun manifesto que xa leva recollidas en tan só uns días máis de 700 firmas de apoio, incluíndo ao redor de 200 profesionais da investigación científica.

Segundo contou Félix Picazo, dadas as súas pequenas dimensións e particularidades ecolóxicas, "o Mar Menor pode ser o primeiro de moitos espazos naturais emblemáticos en sucumbir ás fortes presións humanas ás que veñen sendo sometidos". Xa que, desde hai décadas, "vimos sometendo aos ecosistemas ibéricos ás nosas actividades" polo que "urxe tomar medidas de mitigación se queremos afrontar con garantías o cambio global en curso. Esperar a un estado avanzado de degradación para actuar, só diminúe as posibilidades de éxito", alertan.

Un colapso anunciado


Durante anos, os científicos da Región de Murcia alertaron das grandes cantidades de nutrientes que entraban nas augas do Mar Menor por vía superficial e subterránea, principalmente derivados dos fertilizantes aplicados na agricultura intensiva do Campo de Cartaxena.

Lembran que fai só tres anos, en 2016, saltaron todas as alarmas: o Mar Menor converteuse en "unha gran sopa verde" cando os mecanismos de amortiguación, que permitían que a lagoa asimilase estas grandes cantidades de nutrientes, víronse excedidos.

Tras o episodio de "sopa verde" de 2016, o Goberno rexional creou o Comité Científico do Mar Menor, pero "as propostas dos científicos ignoráronse durante máis de 30 anos e non foron consideradas nin sequera estando integrados neste órgano consultivo", sinalan os promotores deste comunicado.

Mentres, "neste últimos tres anos non se tomaron as medidas necesarias a nivel político para reverter a situación e mesmo se chegou a afirmar que o Mar Menor ía camiño da recuperación, a pesar de que as súas augas seguían contendo altos niveis de nutrientes, a causa principal do problema", apuntan.

Agora, os representantes políticos da Rexión están a sinalar á Dana ou pinga fría, que arrasou numerosos pobos e cidades do Levante peninsular o pasado setembro, como único culpable da situación actual da lagoa pero "non se sitúa o foco sobre o feito de que a fraxilidade do Mar Menor é froito dunha mala xestión durante anos. O Goberno rexional non ten ningún plan serio de mitigación ou adaptación ante este tipo de fenómenos, que se van a intensificar coa crise climática", reclaman os científicos no seu comunicado.

Os investigadores alertan de que, ademais da agricultura, outros sectores como a pesca e o turismo son tamén moi importantes na Región de Murcia e poden verse fortemente danados pola perda de saúde do Mar Menor.

"Non se pode manter no tempo un sistema económico e social que xera un gran dano ambiental, e a maneira en que se xestionou o regadío no Campo de Cartaxena constitúe un exemplo  paradigmático", explican os científicos para engadir que "é a economía a que depende do medio ambiente, e non ao revés".

Por iso consideran necesario alcanzar "un equilibrio entre os distintos e valiosos servizos ecosistémicos, como os cultivos, a pesca ou o turismo, que nos brindan tanto o Mar Menor como a súa conca vertente".

Aínda con todo, este grupo de científicos afirman que "máis aló de buscar culpables, trátase de aplicar o coñecemento científico para tomar as medidas necesarias que garantan a sustentabilidade da economía rexional e do noso patrimonio natural". Para que isto ocorra, reclaman unha forte presión social acompañada dun importante investimento de recursos públicos.

"Os cidadáns temos que esixir medidas baseadas no criterio científico que aseguren a recuperación do Mar Menor, nun contexto de crise climática con secas e inundacións cada vez máis frecuentes, e que permitan que podamos seguir gozando desta xoia única na conca mediterránea, tanto nós como as xeracións futuras", conclúen.

Texto adaptado e traducido ao galego dende o orixinal da Cadena Ser Murcia.
Imaxe de Ajale en Pixabay - Localización descoñecida.
Voltar o listado

Empregamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia do usuario a través da sua navegación. Se continúas a navegar aceptas o seu uso. Política de cookies

Continuar navegando