Pacto verde: baterías sostibles para unha economía circular e climaticamente neutra

A rápida evolución que está experimentando o transporte eléctrico fará aumentar a demanda de baterías nos vindeiros anos. Por esta razón, a Comisión Europea considera necesario comezar xa a actualizar a lexislación co fin de minimizar o futuro  impacto ambiental que causará a fabricación de pilas e baterías e a xestión dos seus residuos. 

79d3666cd3e3febaa7938346599a15cabb3d54ca

As baterías: elemento clave para conseguir a neutralidade climática no ano 2050

As baterías son un elemento clave para logar a neutralidade climática no ano 2050, xa que promoven a sustentabilidade competitiva e son necesarias para o transporte ecolóxico e para o emprego de enerxía limpa. Consciente desta crecente importancia para o desenvolvemento económico e social de toda a UE, a Comisión Europea propón requisitos obrigatorios para todas as baterías (industriais, de automóbiles, de vehículos eléctricos e portátiles) comercializadas na UE. Requisitos como o uso de materiais de orixe responsable cun emprego restrinxido de substancias perigosas, o contido mínimo de materiais reciclados, a pegada de carbono, o rendemento, a durabilidade e a etiquetaxe, así como o cumprimento dos obxectivos de recollida e reciclaxe, son esenciais para desenvolver unha industria de baterías máis sostible e competitiva en toda Europa e en todo o mundo.

Minimizar o impacto ambiental das baterías

A mellora das baterías e do seu rendemento supoñerá unha contribución clave á electrificación do transporte por estrada, o que reducirá significativamente as súas emisións, aumentará o uso de vehículos eléctricos e facilitará unha maior cota de fontes renovables na combinación enerxética da UE.

Con esta proposta, a Comisión tamén pretende impulsar a economía circular da cadea de valor das baterías e promover un uso máis eficiente dos recursos co fin de minimizar o seu impacto ambiental. A partir do 1 de xullo de 2024, só poderán comercializarse as baterías de vehículos eléctricos e industriais  recargables que conten cunha declaración da pegada de carbono.

Para pechar o círculo e manter os materiais valiosos utilizados nas baterías durante o maior tempo posible na economía europea, a Comisión propón establecer novos requisitos e obxectivos sobre o contido de materiais reciclados e a recollida, o tratamento e a reciclaxe das baterías na parte final da súa vida útil. Con iso, garantiríase que a economía non perda as baterías industriais, de automóbiles ou de vehículos eléctricos, unha vez prestado o seu servizo.

Para mellorar significativamente a recollida e a reciclaxe de baterías portátiles, a porcentaxe actual de recollida, equivalente ao 45 %, debería ascender ao 65 % en 2025 e ao 70 % en 2030, de forma que a economía non perda os materiais das baterías que utilizamos nos fogares. Outras baterías (as industriais, de automóbiles ou de vehículos eléctricos) deben recollerse integramente. Deben reciclarse todas as baterías recollidas e alcanzarse altos niveis de recuperación, en particular de materiais valiosos como o  cobalto, o  litio, o níquel e o chumbo.

O regulamento proposto establece un marco que facilitará a reutilización das baterías dos vehículos eléctricos para que poidan ter unha segunda vida, por exemplo, como sistemas fixos de almacenamento de enerxía ou como parte da rede eléctrica como recurso enerxético.

O uso de novas tecnoloxías da información, como o pasaporte para baterías e o espazo de datos asociado, serán fundamentais para un intercambio de datos seguro, unha maior transparencia no mercado das baterías e a posibilidade de rastrexar as baterías de gran tamaño ao longo do seu ciclo de vida. Permitirá ás empresas fabricantes desenvolver produtos e servizos innovadores como parte da dobre transición ecolóxica e dixital.

Mediante as súas novas normas sobre a sustentabilidade das baterías, a Comisión tamén promoverá a escala mundial a transición ecolóxica e establecerá un plan de acción para novas iniciativas no marco da súa política de produtos sostibles.

Imaxe da nova: Markus Distelrath en Pixabay.
Voltar o listado

Empregamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia do usuario a través da sua navegación. Se continúas a navegar aceptas o seu uso. Política de cookies

Continuar navegando