Os produtos terán tres anos de garantía e os fabricantes deberán poder reparalos durante 10 anos

O Goberno modifica a lei de consumidores para ampliar os prazos de garantía a partir do ano que vén.


52a215a34b1e408448e75c041d0c5a61fc44ed4e
Todos os produtos que se compran en España teñen unha garantía de dous anos e os fabricantes están obrigados a ter pezas para reparalos durante cinco. O Goberno aprobou este martes unha modificación da lei de consumidores para ampliar estes prazos, co que a garantía pasará a ser de tres anos e as pezas deberán estar dispoñibles durante unha década desde que o produto deixa de fabricarse. Segundo o Ministerio de Consumo, a normativa, que entrará en vigor o 1 de xaneiro de 2022, supón “un paso máis na estratexia de economía circular” —un modelo que implica reutilizar, reparar e reciclar os produtos para estender o seu ciclo de vida—. As principais asociacións de consumidores consideran que é un paso positivo para garantir o dereito dos cidadáns para reparar os artigos e que pode evitar o consumismo excesivo.


O Consello de Ministros aprobou un decreto-lei  ómnibus que traslada á normativa española varias directivas europeas e que aposta por unha maior durabilidade dos bens co obxectivo de “lograr patróns de consumo máis sostibles”. Así, a reforma incorpora a durabilidade dun produto como un criterio obxectivo para que o consumidor avalíe se está conforme coa compra: cando un artigo rompa mentres estea en garantía o cliente poderá elixir entre a reparación ou a substitución (ata o de agora, era a empresa a que elexía se reparaba ou substituía). A partir de 2022 ese prazo de garantía será de tres anos para calquera tipo de produto, e de dous para os contidos ou servizos dixitais.

Ademais, aumenta en cinco anos o prazo mínimo durante o cal o fabricante está obrigado a garantir a existencia de pezas de reposto unha vez que o produto deixa de fabricarse, pasando de cinco a 10 anos. Con iso, Consumo busca “incrementar a durabilidade dos bens na loita contra a obsolescencia e reducir o impacto no medio ambiente”.


Extracto traducido da noticia de El País do 28.04.21.
Voltar o listado

Empregamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia do usuario a través da sua navegación. Se continúas a navegar aceptas o seu uso. Política de cookies

Continuar navegando