Os centros da rede de Centros Socioculturais volven abrir ao público
As persoas que teñen pendente a recollida da súa recompensa nalgún destes centros poden xa recollelas, presentando o cupón xerado no momento do troco.
Os centros da rede de Centros Socioculturais retoman a súa actividade e volven abrir ao público. Esta volta á actividade permitirá a retirada das recompensas por parte das persoas que fixeron o troco de estrelas por algún dos novos catro produtos Tropaverde durante o tempo en que os centros permaneceron pechados. Estes catro produtos son: a bolsa de tea para a compra, a bolsa de tea para a merenda, a botella reutilizable de vidro e/ou o paraugas.
Para poder retirar a recompensa, é preciso presentar o cupón xerado no momento do cambio no centro sociocultural que corresponda. Este cupón pode presentarse tanto impreso como no móbil.
Lembrámosvos que actualmente son doce (12) os centros da rede de Centros Socioculturais do Concello de Santiago de Compostela os que están colaborando coa Tropaverde entregando recompensas:
- CSC do Ensanche
- O CSC da Pontepedriña
- O CSC do Romaño
- O CSC da Rocha
- O CSC do Castiñeiriño
- O CSC de Santa Marta
- O CSC das Fontiñas
- O CSC de Conxo
- O CSC de Vite.
- A Casa das Asociacións de Cornes
- O Centro Xove da Almáciga
Ademais, nestes centros tendes tamén dispoñible o novo carné de soci@ da Tropaverde. Este carné é un novo xeito de conseguir as catro novas recompensas Tropaverde (bolsa de tea para a compra, bolsa de tea para a merenda, botella reutilizable de vidro e paraugas). Cada vez que se entreguen residuos nalgún dos doce centros anteriores, marcarase unha das celas do carné. Cando se selen as 10 celas das que consta, poderase escoller unha das recompensas dispoñibles.
Así, agora tendes dous xeitos de facervos coas novas catro recompensas: a través da páxina web da Tropaverde, como ata o de agora; e empregando o carné de soci@. O uso da tecnoloxía xa non é unha barreira para obter premios a cambio das boas accións medioambientais!
E, por se fose pouco… os centros socioculturais estrean novos expositores Tropaverde! Estes expositores darán máis visibilidade á iniciativa dentro do espazo, facilitando a identificación do lugar de achega das pilas usadas. Ademais, nestes expositores atoparedes os folletos informativos, cheos de información e actividades para o público infantil.