O programa "Descarboniza! Que non é pouco" suma novas colaboracións en materia de educación ambiental

Tropa Verde colaborará co programa  "Descarboniza! Que non é pouco" dando a coñecer a iniciativa e acompañando en campañas específicas.

Df7ec7c726e6866ec6bddc5adb8107f0763356d3
O concelleiro de Medio Ambiente, Xan Duro, xunto con Miguel Pardellas, do Grupo de Investigación de Pedagoxía Social e Educación Ambiental da USC, presentaron a nova fase do programa Descarboniza! Que non é pouco. Esta iniciativa, que pretende sensibilizar á veciñanza sobre os efectos dos gases invernadoiro e as emisións que os provocan, suma agora outros tres centros socioculturais.

Xan Duro lembrou a boa acollida que tivo o programa na experiencia piloto, desenvolvida nos centros socioculturais de Fontiñas, Vite e Lavacolla. Desta volta, o Descarboniza! chegará tamén aos centros socioculturais urbanos de Conxo e Castiñeiriño e, dentro do ámbito rural, ao Centro Sociocultural de Busto.

As próximas accións serán o martes 17 no CSC de Vite, o mércores 18 no CSC de Fontiñas, o xoves 19 no CSC de Conxo e o día 20 nos CSC de Busto e de Lavacolla.

O proxecto aposta agora por tres novas liñas: a coordinación das diferentes accións dende o Concello de Santiago relacionadas co cambio climático, a atención a un público sénior e a utilización da memoria como elemento motivador. Así, Xan Duro, presentou esta nova fase do Descarboniza! Que non é pouco como un paso máis entre os que se dan fronte "ao cambio climático, que é un dos maiores retos que se van dar nas vindeiras décadas".

Segundo o concelleiro, sinais como as secas prolongadas e cambios profundos na climatoloxía son dabondo evidentes para "buscar respostas de adaptación e minimización dos efectos do cambio climático". Desta maneira, destacou as iniciativas desde os concellos, "por seren as entidades máis próximas á xente. De aí que a educación ambiental entre a cidadanía sexa máis necesaria ca nunca".

Pola súa banda, Miguel Pardellas, do Grupo de Investigación de Pedagoxía Social e Educación Ambiental da USC, Miguel Pardellas, indicou que o programa "busca sinerxias cos centros socioculturais e incorporar novo público". Neste sentido, dixo, "o público da terceira idade é un dos que mellor funcionou na edición anterior. É un colectivo ao que non se lle prestou moita atención dentro da educación ambiental, pero é un dos mellores vectores de intervención nos barrios".

"O traballo coa memoria, porque na memoria da xente maior están os tempos nos que a taxa de baixas emisións é unha experiencia vivencial, pódenos traer claves para novas accións medioambientais", engadiu. A memoria dos barrios empregarase como fío condutor interxeneracional e como aposta de futuro.

Descarboniza! Que non é pouco é unha iniciativa na que colaboran a Concellaría de Medio Ambiente e Convivencia e o Grupo de Investigación SEPA (Pedagoxía Social e Educación Ambiental) da USC. 

A coordinación de accións. Na actualidade, o Concello de Santiago de Compostela está a desenvolver varios proxectos que directa ou indirectamente están ligados ao proxecto “Descarboniza…” (compostaxe comunitaria, hortas urbanas, tropa verde, etc.). A través da colaboración con estes proxectos paralelos buscarase un maior impacto e coordinación das actuacións a desenvolver.

Vía: Concello de Santiago de Compostela

Voltar o listado

Empregamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia do usuario a través da sua navegación. Se continúas a navegar aceptas o seu uso. Política de cookies

Continuar navegando