O Goberno local modificará a ordenanza fiscal do lixo para incorporar a bonificación de SOGAMA

O total da minoración darase nun único recibo anual e terá carácter retroactivo, dende o mes de xaneiro

76a3b6e0b04a226873ad2dd45f914e586436db88
A concelleira de Economía e Facenda, María Rozas, e o edil de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, deron conta hoxe da modificación da ordenanza fiscal de recollida do lixo. A proposta ten que pasar pola Comisión de Facenda e polo Pleno e incorporará a bonificación do canon de SOGAMA aprobado o 23 de xaneiro pola Xunta de Galicia, que establece un 10% de bonificación, pasando de 69,83 por tonelada ea 62,93 no 2019.

Esta modificación suporá un aforro para os veciños e veciñas de Compostela "que non é habitual que se dea, xa que non adoitan repercutirse as subidas ou as baixadas nos recibos do lixo, como a subida do 33% que houbo no 2014 ou as subidas no 2017 e 2018", explicou María Rozas. Esta proposta supón que SOGAMA lle facture ao Concello de Santiago 301.946,431 euros menos, pasando de 3.019.464,13 a 2.717.517 euros.

O total da minoración darase nun único recibo anual e terá carácter retroactivo, dende o mes de xaneiro. Para a veciñanza de Santiago supón unha redución dun 4,17% nos recibos da recollida do lixo nos recibos. Esta bonificación contempla tamén unha serie de medidas para procurar a redución de residuos, fomentando a recollida selectiva e a reciclaxe de envases lixeiros.

Mellora da recollida selectiva 

Xan Duro sinalou que "antes de que a Xunta aprobara esta bonificación, o Concello xa tiña os deberes feitos en canto a datos de recollida selectiva". Así, lembrou que en envases lixeiros houbo un incremento da reciclaxe nun 12,60%, en vidro dun 31%, en papel e cartón dun 10,82%, en téxtiles dun 76,16% e en recollida de aceites usados dun 266,80%. "Son datos que supoñen un exemplo para o conxunto de Galicia", indicou.

O edil tamén quixo "agradecer a implicación da veciñanza na reciclaxe, que é o que permite ter estes bos datos", e lembrou "o reforzo que se fixo no servizo de recollida de lixo nas última semanas" coa compra de 90 contedores novos de orgánico e resto, a instalación de contedores soterrados na travesa da Poza e na avenida de Bilbao, así como a chegada nos novos mandos para mellorar a recollida do papel e superar os problemas puntuais das últimas semanas. 

Vía: Concello de Santiago
Voltar o listado

Empregamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia do usuario a través da sua navegación. Se continúas a navegar aceptas o seu uso. Política de cookies

Continuar navegando