O Concello prega á cidadanía que extreme os coidados ao depositar o lixo durante o período de confinamento
Prégase aos/ás cidadáns/ás non deixar nunca bolsas fóra dos colectores e respectar o horario de depósito, a partir de las 21:00 horas
O Concello de Santiago de Compostela, a través da Concellaría de Medio Ambiente; Urbaser, empresa concesionaria da recollida do lixo; e a Sociedade Galega de Medio Ambiente (Sogama), destino final dos residuos, comunican á cidadanía que, durante o período de confinamento domiciliario pola pandemia do coronavirus, deben extremarse os coidados á hora de depositar os residuos domésticos que se xeran.
Por un lado, segundo a Orde Ministerial publicada no BOE nº 79 do pasado 22 de marzo, os Equipos de Protección Individual (EPI's) dun domicilio onde viva unha persoa infectada deben depositarse no colector verde de "resto", seguindo as seguintes indicacións: bolsa 1, na que se depositan os EPI's do enfermo contaxiado; bolsa 2, na que se depositan os EPI's do coidador e a bolsa 1 ben pechada; bolsa 3, na que se depositan todos os residuos do domicilio e a bolsa 2 ben pechada. A bolsa 3, ben pechada, debe depositarse no interior do colector verde de "resto", nunca en colectores de reciclaxe como cartón, envases lixeiros ou vidro. Como medida de seguridade, adoptouse a decisión de deixar os colectores de carga traseira coa tapa aberta.
Prégase aos/ás cidadáns/ás non deixar nunca bolsas fóra dos colectores e respectar o horario de depósito, a partir de las 21:00 horas (domingo a venres).
Por outro lado, queda suspendida a recollida de enseres domiciliarios mentres dure o Estado de Alarma, polo que a cidadanía non deben deixar estes residuos abandonados xunto aos colectores, nin tampouco nos Puntos Limpos.
Finalmente, intensificáronse as tarefas de lavado de colectores e papeleiras, así como o rego e baldeo de rúas, conforme a esta nova situación. Solicítase a colaboración da cidadanía para axudar a manter a cidade o máis limpa e hixiénica posible.
Vía: Concello de Santiago
Voltar o listado