O Concello xunto con Tropa Verde pon en marcha unha campaña para a recollida de aparellos eléctricos e electrónicos
04/07/2017 O Concello de Santiago pon en funcionamento unha campaña de recollida de pequenos aparellos eléctricos e electrónicos, dentro do programa da Tropa Verde. O concelleiro de Medio Ambiente, Convivencia e Innovación, Xan Duro, presentou hoxe o proxecto, que leva por lema "Longa vida aos teus aparellos electrónicos!".
O edil explicou que o obxectivo "é mellorar os índices de reutilización e reciclaxe deste tipo de residuos, para así prever problemas de contaminación da auga e do chan e emisións de sustancias tóxicas". Na presentación da campaña, Xan Duro estivo acompañado polos representantes das empresas que colaboran na iniciativa: Marta Morán, de Teimas Desenvolvemento S.L. Alejo Calatayud, responsable de comunicación de Revertia, e Gonzalo Torralbo, director de Relacións Institucionais de Recyclia.
A campaña "Longa vida aos teus aparellos electrónicos!" enmárcase no programa da Tropa Verde. Por iso, a cidadanía que desexe participar pode rexistrarse na plataforma web tropaverde.org para ir acumulando estrelas pola entrega de residuos eléctricos e electrónicos nos 14 puntos de recollida habilitados en centros socioculturais e polideportivos. Esas estrelas poderanse trocar despois por premios e descontos nos establecementos de Santiago que patrocinan o programa. Ademais, entre todos os participantes sortearanse dous portátiles e dous teléfonos móbiles.
A campaña vaise desenvolver ata finais de ano, e nela vanse recoller equipos de informática e comunicacións como pcs, portátiles, ou teléfonos móbiles; e pequenos electrodomésticos, como batedores, secadores de pelo, tostadoras, cepillos de dentes eléctricos, tablets, consolas ou xoguetes a pilas. Tamén se poderán entregar pilas e baterías
Puntos de entrega
Dende Teimas Desenvolvemento, Marta Morán explicou que haberá 15 puntos de entrega en centros e locais socioculturais e en polideportivos. Haberá recollida nos centros de Fontiñas, Ensanche, Conxo, A Trisca, Vite, Villestro, A Casa Agraria de Meixonfrío e Almáciga. Tamén se poderán deixar os aparellos eléctricos e electrónicos na Casa das Asociacións de Benestar Social da Salgueiriños e na Escola Superior de Arte e Deseño Mestre Mateo.
En canto aos espazos deportivos, serán punto de recollida o estadio de San Lázaro e os pavillóns do Restollal, Santa Isabel e Fontiñas.
A campaña "Longa vida aos teus aparellos eléctricos!" completarase cun obradoiro de reutilización de equipos informáticos, que se desenvolverá nun centro sociocultural da cidade pendente de decidir. No transcurso do obradoiro abordaranse temas como o borrado de datos, as formas máis sustentables de xestionar os residuos informáticos ou os trucos para aumentar a vida útil dos equipos.
Un tipo de residuos que aumenta cada ano
A produción de residuos de aparellos eléctricos e electrónicos está a aumentar ano tras ano a nivel mundial, porque cada vez renovamos con maior frecuencia o teléfono móbil, o ordenador ou os televisores. Os últimos datos do Programa de Nacións Unidas para o Medio Ambiente son de 2010, e falaban xa de que se xeraran en todo o mundo uns 50 millóns de toneladas de lixo electrónico, cunha media de sete quilos por habitante. En España, as familias producen cada ano máis dun millón de toneladas de lixo electrónico, das que 750.000 poderían ser recicladas.
Actualmente, dous terzos dos residuos de aparellos eléctricos e electrónicos escapan do control e adecuado reciclado, o que supón un grave problema ambiental. Unha batería de níquel cadmio dun teléfono móbil pode contaminar 50.000 litros de auga e afectar a 10 metros cúbicos de chan. Unha pila tipo botón pode contaminar ata 600.000 litros de auga, e unha pila alcalina ata 175.000.
Para máis información prema aquí.
Vía: Concello de Santiago
Voltar o listado