O Concello e Tropa Verde súmanse á Semana Europea da Prevención de Residuos
Presentación dos talleres da Tropa Verde "Recicla, reutiliza e xoga coa Tropa Verde" con motivo da celebración da Semana Europea da Prevención de Residuos
O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia presentou hoxe a actividade que o Concello vai desenvolver en colaboración coa Tropa Verde, para sumarse á celebración da Semana Europea da Prevención de Residuos. Foi nunha rolda de prensa na que Xan Duro estivo acompañado por Iago Elizechea e Marta Morán, representantes da empresa Teimas Desenvolvemento, que xestiona a Tropa Verde.
A actividade organizada en colaboración coa Tropa Verde vaise desenvolver en cinco centros socioculturais da cidade e está dirixida a nenos e nenas de entre 6 e 10 anos. Marta Morán explicou que "a Semana Europea de Prevención de Residuos quere concienciar este ano sobre a posibilidade de prescindir de moitas embalaxes, e por iso se vai traballar con estes materiais para reciclalos e convertelos en obxectos como xogos ou adornos de Nadal". Este traballo práctico irá acompañado con explicacións máis teóricas sobre a necesidade de limitar o uso de embalaxes "porque o mellor residuo é o que non se produce".
Para participar nos obradoiros, que están pensados para un máximo de 15 nenos e nenas, só é preciso inscribirse nos propios centros socioculturais participantes. O calendario da actividade é o seguinte:
- Centro Sociocultural de Pontepedriña: luns, 21 de novembro, ás 18:00 horas.
- Centro Sociocultural Cardeal Quiroga: martes, 22 de novembro, ás 18:00 horas.
- Centro Sociocultural de Fontiñas: mércores, 23 de novembro, ás 18:30 horas.
- Centro Sociocultural do Ensanche: xoves, 24 de novembro, ás 18:30 horas.
- Centro Sociocultural de Santa Marta: sábado 26 de novembro, ás 17:30 horas.
Éxito da Tropa Verde
Iago Elizechea aproveitou a rolda de prensa para agradecer ao Concello a súa implicación en actividades relacionadas coa reciclaxe e a prevención de residuos. Tamén lembrou que a Tropa Verde leva funcionando cun notable éxito dende o ano 2015, e para invitar á cidadanía a sumarse ao programa.
Nesa liña, o concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia gabou o traballo que desenvolve Teimas na Tropa Verde, que xa conta con 2.000 veciños e veciñas rexistrados, e 115 establecementos patrocinadores que ofrecen descontos e agasallos ás persoas que reciclan.
Vía: Concello de Santiago
Voltar o listado