Nace "Santiauga", un proxecto para fomentar o consumo da auga da billa na hostalería compostelá
Ao proxecto Santiauga poderán sumarse nunha primeira fase ata 25 establecementos de restauración de Compostela
O Concello de Santiago quere fomentar o consumo da auga da billa, tamén no sector da hostalería. Ese é o obxectivo do proxecto Santiauga, que vén de poñer en marcha a Concellaría de Medio Ambiente e Convivencia e que hoxe presentou o edil Xan Duro. Na rolda de prensa estivo acompañado por Constantino Penedo, xefe de proxectos de medio natural de Novotec, a empresa que colabora co Concello nesta campaña.
Ao proxecto Santiauga poderán sumarse nunha primeira fase ata 25 establecementos de restauración de Compostela, preferiblemente que ofrezan menú de día, que se comprometerán a ofertar a auga da billa para acompañar os xantares ou as ceas. O Concello facilitaralles as botellas para servila, co logo da campaña. Unha vez analizada a resposta dos consumidores e consumidoras, a Concellaría de Medio Ambiente e Convivencia estudará a implantación do proxecto un maior número de locais.
Os establecementos de hostalería que desexen implicarse no proxecto piloto deben remitir un formulario ao correo electrónico medioambiente@santiagodecompostela.gal. O Departamento municipal seleccionará aos participantes que cumpran os requisitos mínimos, por orde de inscrición.
Constatino Penedo explicou que a campaña que se pon en marcha en Santiago "xa se ten impulsado antes con moito éxito noutras cidades do mundo como París ou Nova York". Tamén apostou por proxectos "que freen a escalada no consumo de auga embotellada que se ven producindo nos últimos tempos"
Auga da mellor calidade
Xan Duro incidiu en que "o consumo da auga da billa é a mellor opción por calidade, sustentabilidade, prezo e saúde". O concelleiro sinalou que o obxectivo é "axudar a cambiar os hábitos da cidadanía, contribuíndo a coidar o medio ambiente". Nese sentido, incidiu no "enorme impacto que teñen os residuos plásticos, que se suman aos custos ambientais do seu transporte". Duro tamén quixo salientar que "do prezo que pagamos por unha botella de auga, o 90% corresponde ao propio envase e o 10% ao produto en sí".
A auga da traída de Santiago conta coa certificación ISO 22000 de seguridade alimentaria e control da inocuidade da auga potable, un recoñecemento implantado nas industrias alimentarias de referencia que se comezou a introducir tamén nalgúns abastecementos de auga de consumo humano.
Ademais, estudos feitos en laboratorio sinalan que a auga da billa de Compostela ten niveis de calidade idénticos aos da auga embotellada, cun grao de mineralización débil, niveis intermedios de PH e baixo contido en sodio.
Vía: Concello de Santiago
Voltar o listado