Mellora a separación de residuos en Santiago

Pero segue sendo peor que a media galega e española, arroxando un 30 % do lixo no contedor erróneo

4780d0f345fd7fc5e58f011e386474754ff8f334
 As numerosas campañas levadas a cabo sobre a separación de residuos domésticos dan os seus froitos en Santiago. No últimos catro anos reduciuse paulatinamente a porcentaxe de refugallos depositados erroneamente no contedor amarelo, pero aínda así, a cifra segue sendo elevada: o 30,8 % do lixo arroxado ao recipiente dos envases lixeiros polos veciños de Santiago debería ir parar a outro, segundo os datos da organización ambiental  Ecoembes referidos ao 2017. Tres anos antes, no 2014, a cifra era superior e alcanzaba o 36,5 %. 

A pesar desta melloría, a separación de lixo en Santiago é peor que a media española, onde a porcentaxe de residuos impropios no contedor amarelo é do 29,2 %. Tamén por unhas décimas, os composteláns sitúanse peor que a media galega -30,5 % de refugallos depositados erroneamente-.

Respecto dos veciños doutras cidades galegas, os composteláns sitúanse no vagón de cola. Unicamente en Ourense hai unha maior porcentaxe de residuos impropios no contedor amarelo -o 32,8 %- que na capital galega. En Pontevedra é onde mellor realizan a separación de refugallos, con só un 18,1 % deles arroxados de maneira incorrecta. Séguenlle Ferrol co 21,6 %; Vigo, co 21,8 %; e Lugo, co 27,7 % de impropios. No caso da Coruña non hai datos, ao estar aos revisar  Ecoembes nestes momentos. 

Aínda que na correcta separación de residuos Santiago está peor que outras cidades, os seus veciños si que reciclan unha maior cantidade. O ano pasado a media foi de 15,7 quilos de envases lixeiros por habitante, unha cifra que supera a media española e a galega, e constitúe a máis elevada entre as cidades galegas. Os ferroláns foron os que máis se lle aproximaron, con 13,9. O mesmo sucede co papel: cada compostelán depositou 28,8 quilos no contedor azul, case 16 máis que a media galega. Séguenlle A Coruña, con 17,7 quilos; e Ferrol, con 13,7.

Vía: La Voz de Galicia

Voltar o listado

Empregamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia do usuario a través da sua navegación. Se continúas a navegar aceptas o seu uso. Política de cookies

Continuar navegando