Mascotas ilegais: un perigo que se agrava

 ‘O Xornal Verde’ alerta do repunte que está a ter a compra de animais exóticos, produto da captura, tráfico e venda ilegal de especies, o que contribúe a danar a biodiversidade, poden resultar perigosos e ata acabar sendo invasores

4751e7f5098dda7b617676acc6f9eb05655b5d42
 Os científicos estiman que o 20% do comercio de vida silvestre é resultado da demanda de mascotas exóticas. Os animais que terminan nas casas de persoas dispostas a pagar grandes sumas por eles, a miúdo teñen que percorrer un longo camiño e moitos morren antes de conseguilo.

 A maioría dos primates, felinos, aves e réptiles que se comercializa ilegalmente, non provén da cría en cativerio, senón que naceron na natureza, de onde foron arrincados pola forza ás veces á conta de varias vidas para conseguir só un bebé. 

A crueldade da caza 

Unha proporción significativa destes animais está en perigo de extinción, por iso fan contrabando de forma ilegal e cruel e sen ningunha consideración coa natureza, os seus  conxéneres e a contorna. E todo para presumir de mascota exótica, pola que, canto máis rara sexa, maior será o prezo que se pague e xeralmente menos tempo vivirá fóra do seu hábitat. É importante que se saiba que, para cazar aves colócase pegamento nas ramas, que provocan a morte doutros especímenes e no caso dos primates, se non matas á nai (e ás veces ao pai, tíos e irmáns), xamais te farás cunha cría. E a media de supervivencia tras ser capturados é moi baixo: morren por enfermidade, por tristeza, por asfixia na viaxe ou por falta de coidados. 

Se non houbese persoas dispostas a pagar unha pequena fortuna por un gorila de montaña, un raposo fenec ou un capuchino, non habería xente que traficase con eles. A migración de animais ilegais adoita ser desde os países pobres cara aos máis ricos. Os animais proceden de nacións con economías mergulladas ou emerxentes e deben viaxar a sitios moi distantes dos seus fogares. 

As especies endémicas dificilmente se adaptan ás novas condicións e os que non o son, tamén representan un problema para a biodiversidade local que perde un membro (como mínimo) e para a que o recibe, debido a que poden ser axentes  transmisores de enfermidades zoonóticas. O comercio ‘legal’ de vida silvestre Europa exporta moitas das súas aves autóctonas a outros sitios do mundo e faino de maneira legal, con todos os papeis en regra, pero é válido preguntarse cal é a lóxica disto? Un falcón alemán no medio do deserto árabe ten o mesmo papel, que un réptil africano nunha cidade europea: ningún. 

Europa tamén é lugar de paso do tráfico de especies, xa que o medio aéreo é o máis empregado para levar animais vivos dun continente a outro e moitas conexións fanse vía cidades europeas. Está a pedirse encarecidamente que se endurezan as medidas de control, para evitalo, pero isto non sempre funciona.

 Mamíferos: o menor dos problemas 

Os mamíferos representan a porcentaxe máis pequena de animais exóticos que son vendidos ilegalmente como mascotas. Os papagaios, as tartarugas, os lagartos e as iguanas son os máis afectados. E o que non se coñece en profundidade son as estatísticas de anfibios, peixes, insectos ou arácnidos que son cazados e enviados alén do mundo. Moitos destes animais son letais ou polo menos teñen toxinas de defensa, tanto na pel como mediante picaduras, ás que os habitantes das áreas receptoras non están afeitos, polo que lles poderían producir reaccións mortais. En definitiva, o tráfico ilegal de especies é un perigo para todos, humanos e animais, que cada vez se agrava máis e ao que ninguén parece querer poñer coto.

Artigo traducido ao galego dende Ecoticias. Consulta aquí o orixinal.

Voltar o listado

Empregamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia do usuario a través da sua navegación. Se continúas a navegar aceptas o seu uso. Política de cookies

Continuar navegando