Máis dun cento de veciños e veciñas participan no proxecto piloto das illas de compostaxe

Xan Duro, concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia ,  explicou que ao longo da semana pasada "realizouse unha enquisa entre os usuarios dos composteiros, e os resultados en canto á súa satisfacción foron incluso mellores do agardado

E86a38b23c3fe40bb062f05dbb3ff9e2b98f5df4
 O alcalde e o concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia visitaron a illa de compostaxe instalada no barrio de Galeras, dentro do proxecto piloto que tamén levou os composteiros a Santa Marta e Salgueiriños. Martiño Noriega e Xan Duro estiveron acompañados polo responsable de Parques e Xardíns, Gregorio López Albardonedo, e polo presidente da Asociación de Veciños de Galeras, José Manuel González.

Satisfacción total entre os participantes 
O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia explicou que no proxecto piloto das illas de compostaxe participan 46 familias, que supoñen un total de 116 persoas. En Galeras están inscritas 16 vivendas, con 41 veciños e veciñas; en Santa Marta son 15 vivendas con 32 persoas; e en Salgueiriños participan no proxecto outras 15 vivendas, con 43 habitantes. Xan Duro explicou que ao longo da semana pasada "realizouse unha enquisa entre os usuarios dos composteiros, e os resultados en canto á súa satisfacción foron incluso mellores do agardado".

Nesa liña, o presidente da Asociación de Veciños de Galeras, tamén usuario do proxecto, explicou que "todos os participantes están satisfeitos, e cada día percíbese un maior interese entre a veciñanza para sumarse ao proxecto da compostaxe". José Manuel González confirmou que os composteiros non orixinan ningún problema de cheiro nin de perdas de líquido, e apostou porque se siga estendendo o modelo "sobre todo se pode permitir aforros na taxa do lixo".

Funcionamento 
O xefe do servizo municipal de Parques e Xardíns, Gregorio López Albardonedo, explicou que "o funcionamento das illas de compostaxe é moi sinxelo". Os usuarios non teñen máis que depositar os seus restos orgánicos no primeiro dos tres composteiros, e mesturalos co estruturante que teñen ao seu dispor, "polas trituradas que teñen a función de compensar o exceso de líquidos dos desperdicios e favorecer o proceso". Os restos orgánicos vanse pasando despois aos seguintes composteiros, ata obter o compost perfecto que se utilizará despois como abono nas zonas verdes ou nos alcorques das árbores.

Beneficios económicos e ambientais 
O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia explicou que o obxectivo do Goberno é "ampliar o sistema da compostaxe no prego de residuos que rexerá a xestión do servizo a partir de 2019, porque iso só supón beneficios tanto ambientais como económicos". Xan Duro lembrou que o Concello ten que pagarlle a Sogama por cada tonelada de lixo que manda á súa planta de tratamento "e se reducimos eses envíos, aforrará o Concello e poderíase rebaixar a taxa que pagan os veciños e veciñas que se sumen á compostaxe".

Ademais, a directiva europea de residuos do ano 2008 sinala o obxectivo de reciclar ou recuperar o 50% dos residuos domésticos no ano 2020. Iso fai prioritario actuar sobre os restos orgánicos que supoñen practicamente a metade da bolsa do lixo das familias. 

Vía: Concello de Santiago de Compostela
Voltar o listado

Empregamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia do usuario a través da sua navegación. Se continúas a navegar aceptas o seu uso. Política de cookies

Continuar navegando