Galicia é a segunda comunidade que menos lixo xera con 313 quilogramos por habitante
Por primeira vez se baixa do millón de toneladas - É un 20% inferior ao ano previo - A crise e a caída da poboación inciden
Cada galego xerou de media 313 quilos de lixo durante 2014 (un 20% menos que un ano antes), o que supón algo menos dun quilogramo ao día. É unha cifra moi modesta se se compara co resto de comunidades xa que é a segunda máis baixa, só superada pola Rioxa, con 196,2 quilos por habitante e ano. Lideran a clasificación os dous arquipélagos: Canarias con 567,7 quilos e Baleares con 554,7. A media nacional está en 459 quilos, segundo o informe Estatísticas sobre a recollida e tratamento de residuos do Instituto Nacional de Estatística (INE).
Os galegos xeran cada vez menos residuos. Durante 2014 botaron aos colectores de lixo 857.300 toneladas. É a primeira vez desde que existen estatísticas que a cifra cae por baixo do millón de toneladas e ademais é un 20% menos que un ano antes. Se se compara, por exemplo, con 2008 o descenso alcanza o 34%.
Tres son as causas principais deste recorte, segundo os expertos. A máis importante é a caída do consumo pola crise. A Xunta incide nesta idea na última revisión do Plan de Xestión de Residuos Urbanos de Galicia: "Hai que destacar a influencia da situación económica que se está vivindo a nivel nacional e internacional desde hai uns anos, que supuxo unha desaceleración económica en todos os sectores, influíndo nos ritmos de produción e nas pautas de comportamento". A segunda causa é a eliminación das campañas de concienciación e a terceira, o descenso da poboación en Galicia que tamén provoca un menor consumo e menos lixo.
Segundo as previsións do Plan de Xestión de Residuos Urbanos de Galicia 2010-2020 a xeración de lixo fixábase para 2014 en 1,2 millóns de toneladas, 350.000 máis das que se recolleron.
Das 857.300 toneladas de residuos que os galegos tiraron ao lixo en 2014, 656.800 foron residuos mesturados e 200.500 recolleitos de forma separada. Os principais restos que se colleitaron de forma separada foron vidro (39.100 toneladas), papel e cartón (31.700), plásticos (26.960) e envases mixtos (22.250). O descenso do 20% na xeración de residuos debeuse á caída experimentada pola recollida mesturada, que pasou das 915.670 toneladas de 2013 ás 656.800 de 2014 (-28,27%). Pola contra, os residuos de recollida separada eleváronse en Galicia un 19,9%, desde as 167.130 toneladas de 2013 ás 200.500 de 2014. É a primeira vez que se pasa das 200.000 toneladas desde 2007.
A nivel estatal, as empresas xestoras de residuos urbanos recolleron 21,3 millóns de toneladas en 2014, un 2,1% menos que o ano anterior. Destes, 17,5 millóns corresponderon a residuos mesturados e 3,8 millóns a residuos de recollida separada. As comunidades que máis lixo xeraron foron Andalucía (4,6 millóns de toneladas), Cataluña (3,7) e Comunidad de Madrid (2,5). Galicia ocupou a oitava posición con 857.300 toneladas.
Vía: Faro de Vigo
Voltar o listado