ENVIROSCORE, unha etiqueta ambiental para coñecer a sustentabilidade dos alimentos
O centro tecnolóxico Azti e a Universidade de Lovaina desenvolveron ENVIROSCORE, un sistema de etiquetaxe baseada na Pegada Ambiental de Produto que permite recoñecer facilmente o grao de sustentabilidade dos alimentos e bebidas no punto de venda.
O sistema alimentario sitúase no centro de todas as miradas, sendo causa e vítima do impacto ambiental xerado en Europa. Por iso, co fin de reducir a degradación ambiental é imprescindible promover unha produción máis sostible e un consumo de alimentos e bebidas máis responsable.
Para dar resposta a este importante reto, o centro tecnolóxico vasco Azti e a Universidade de Lovaina (Bélxica) desenvolveron ENVIROSCORE, un sistema de etiquetaxe ambiental que mide o impacto dos produtos baseado na metodoloxía europea internacionalmente aceptada e estandarizada de Pegada Ambiental de Produto.
ENVIROSCORE é útil tanto para a industria agroalimentaria como para os consumidores. Aos primeiros, permítelles medir e comunicar o impacto ambiental dos seus produtos dunha forma sinxela, integrando 16 categorías de impacto ambiental nunha soa e promovendo o ecodiseño do produto ao longo de toda a cadea de subministración. Aos segundos, achégalles información fácil de entender que permite comparar entre produtos e entre categorías de produtos de alimentación e bebidas, motivándolles cara a pautas de consumo máis sostibles
UN ALGORITMO QUE COMBINA 16 IMPACTOS AMBIENTAIS
“ENVIROSCORE é un algoritmo que agrega nunha única puntuación final os impactos ambientais xerados ao longo de todas as etapas de produción e consumo dun quilogramo de produto. En concreto, combínanse 16 impactos ambientais, entre os que se inclúen, entre outros, o potencial de cambio climático, o esgotamento da capa de ozono, a contaminación das augas, o esgotamento de recursos fósiles ou a toxicidade”, explica Saioa Ramos, unha das creadoras da metodoloxía e investigadora da área de Procesos Eficientes e Sostibles de Azti.
A partir desa análise, converte a puntuación agregada nun sistema de comunicación sinxelo, visual e intuitivo de 5 escalas ( A| B | C | D | E ). Esta clasificación integra todos os aspectos relacionados coa forma de producir, procesar, envasar, distribuír, consumir e xestionar os residuos dese produto.
“Tras a validación con 150 produtos alimentarios, concluíuse que o sistema é capaz tanto de captar a variabilidade de impacto entre os diferentes produtos alimentarios e bebidas como de discriminar, dentro da mesma tipoloxía de produtos, aqueles produtos con “peores” técnicas de produción, envase excesivo ou longas distancias de transporte”, asegura a experta de AZTI.
APOIOS INSTITUCIONAIS E EMPRESARIAIS
ENVIROSCORE é un sistema de etiquetaxe ambiental desenvolta por un grupo de científicos independentes para dar resposta á preocupación cada vez maior de producir e consumir alimentos dunha forma máis sostible e responsable. Esta iniciativa conta co apoio de múltiples empresas, así como do Gobierno Vasco e da propia Unión Europea a través da iniciativa de innovación alimentaria europea EIT Food, que traballa para facer que o sistema alimentario sexa máis sostible, saudable e de confianza.
Foto de Clem Onojeghuo en Pexels
Voltar o listado