En marcha un proxecto piloto de illas de compostaxe comunitarias
A Concellaría de Medio Ambiente e Convivencia está instalando tres illas de compostaxe comunitarias nos barrios de Galeras, Santa Marta e Salgueiriños
Trátase dun proxecto piloto que o departamento de Xan Duro pon en marcha co obxectivo de "implicar e concienciar ás familias compostelás da necesidade de que sexan responsables coa xestión dos residuos que xeran".
O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia explicou que a directiva europea de residuos do ano 2008 sinala "o obxectivo de que, no ano 2020, o 50% dos residuos domésticos sexan reciclados ou recuperados", e por iso é prioritario actuar sobre os restos orgánicos, "que supoñen practicamente a metade da bolsa do lixo das familias". Xan Duro amosouse convencido de que Santiago é "a cidade perfecta para promocionar a compostaxe, pola grande extensión de rural e zonas verdes que temos, e nas que se lle pode dar moi boa saída ao compost".
Illas comunitarias
As tres illas de compostaxe comunitarias que forman parte deste primeiro proxecto piloto serán utilizadas directamente polas familias que o desexen, ás que se lles facilitará unha tarxeta RFID coa que abrir o composteiro. Elas encargaranse de depositar os restos orgánicos e tamén o estruturante, o material formado por restos de polas ou herbas que evita que os residuos podrezan e produzan mal olor, e facilita que se convertan en compost.
En cada illa haberá tres composteiros, que se terán que ir enchendo de xeito progresivo, para que no primeiro estea finalizado o proceso de compostaxe e poida baleirarse cando o terceiro estea cheo. Un traballador do departamento municipal de Parques e Xardíns encargarase de supervisar semanalmente que o proceso funciona adecuadamente. Ademais, o Concello porá en marcha un programa educativo en colaboración con Adega, "que se encargará de formar e informar ás familias participantes sobre todo o que ten que ver coa compostaxe".
Xan Duro explicou que coas tres primeiras illas de compostaxe en Galeras, Santa Marta e Salgueiriños espérase atender a "entre 60 e 80 familias". O concelleiro xa mantivo reunións coas asociacións de veciños deses barrios para informalas do proxecto, e detectou moita receptividade por parte da cidadanía.
Ademais, dentro deste proxecto piloto, vaise instalar unha illa de compostaxe no CEIP Raíña Fabiola, "para incidir no labor educativo no que ten que ver coa xestión de residuos".
Recollida de lixo
O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia aproveitou a súa comparecencia en rolda de prensa para pedirlle á cidadanía máis responsabilidade no que ten que ver coa xestión dos residuos que produce. Xan Duro amosou a súa preocupación "porque nas últimas semanas vénse detectando, sobre todo na zona monumental, a presenza de bolsas de lixo directamente na rúa e fora dos horarios establecidos para a recollida".
O edil explicou que a Ordenanza Municipal de Residuos e Limpeza Viaria sinala que o lixo debe ser depositado nos contedores en bolsas "pechadas e consistentes", e a partir das 21:00 horas. A recollida faise de xeito diario a partir das 22:30 horas e "depositar o lixo ao longo de toda a xornada sen control horario xeraría problemas de malos olores".
Tamén recordou que os establecementos de hostalería da zona monumental dispoñen dos seus propios contedores debidamente rotulados, que non poden sacar á rúa ata as 22:30 horas. No caso de teren que desfacerse antes dos seus residuos, poden facelo na compactadora instalada en Fonseca dende o pasado verán. Xan Duro lembrou que as multas por incumprir esta ordenanza poden chegar ata os 750 euros, e avanzou que a partir da próxima semana intensificarase o control ao respecto.
Voltar o listado