En marcha a segunda fase do programa de compostaxe doméstica

Ademais de ampliar o número de participantes nas parroquias de Figueiras, Grixoa, Laraño e Villestro, o modelo estenderáse á Gracia e a Sabugueira

0692e05850dc21ed78269954b77df52d08941ae1
Tras a boa acollida do proxecto, a Concellaría de Medio Ambiente e Convivencia vén de poñer en marcha unha segunda fase do programa de compostaxe doméstica iniciado o ano pasado. Ademais de ampliar o número de participantes nas parroquias de Figueiras, Grixoa, Laraño e Villestro, o modelo estenderáse á Gracia e a Sabugueira.

O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, deu conta do inicio dunha nova fase do programa de compostaxe doméstica, que "superou as nosas expectativas e que conta xa con máis dun cento de vivendas participantes". O edil lembrou que o proxecto púxose en marcha inicialmente na parroquia de Figueiras, con trinta familias participante. Posteriormente, ampliouse nesta parroquia ata as 28 vivendas e estendeuse a Villestro, con 39 familias; Laraño, con 32; e Grixoa, con 5.

Agora, na segunda fase do programa, a compostaxe doméstica chegará ás parroquias da Gracia, onde xa se recibiron 15 peticións para participar, e a Sabugueira, "onde xa hai un centro educativo que ten implantada a compostaxe, polo que facilitará a concienciación da veciñanza para seguir co modelo nos seus fogares". O obxectivo é chegar ás 200 familias implicadas.

O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia apuntou que, como novidade, nesta segunda fase habilitarase unha app para que a Concellaría mellore o seguimento do programa, teña os composteiros xeolocalizados, e tamén en que fase do proceso de compostaxe se atopa cada un deles. Xan Duro apuntou que, como na fase anterior, as familias participantes recibirán formación práctica por parte de Adega, e o material preciso para compostar. A organización ecoloxista fará tamén o seguimento personalizado do proceso durante oito meses.

Para participar no proxecto, é preciso cubrir o formulario dispoñible na web municipal e remitilo por e-mail á dirección medioambiente@santiagodecompostela.gal. O trámite tamén se pode realizar de maneira presencial na oficina de Atención á Cidadanía, na rúa de Galeras.

Aposta pola compostaxe

A Concellaría de Medio Ambiente e Convivencia vén impulsando diferentes proxectos para fomentar a compostaxe. Así, están instaladas illas comunitarias nos barrios de Santa Marta, Salgueiriños e Galeras, que utilizan máis dun cento de veciños e veciñas. Tamén se colocaron composteiros en sete centros de Educación Infantil e Primaria do municipio.

A compostaxe é un modelo de xestión dos residuos orgánicos máis ecolóxico, máis económico e máis social. Trátase, ademais, dun sistema acaído para unha cidade como Santiago que conta con amplas zonas verdes nas que se pode utilizar o compost. A aposta do Concello pola compostaxe enmárcase tamén na directiva europea de residuos, que sinala que, en 2020, o 50% dos residuos domésticos deben ser reciclados ou recuperados. Iso pasa por actuar sobre os restos orgánicos, que supoñen máis do 40% da bolsa do lixo das familias.

Vía: Concello de Santiago
Voltar o listado

Empregamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia do usuario a través da sua navegación. Se continúas a navegar aceptas o seu uso. Política de cookies

Continuar navegando