Dependemos da supervivencia das abellas - Día das abellas, 20 de maio

As abellas e outros polinizadores, como as bolboretas, os morcegos e os colibríes, están, cada vez máis, ameazados polos efectos da actividade humana.

4f8c6c61cf2deaf0eb3d4142622ce1669b110ff5

A polinización é un proceso fundamental para a supervivencia dos ecosistemas, esencial para a produción e reprodución de moitos cultivos e plantas silvestres. Case o 90 por cento das plantas con flores dependen da polinización para reproducirse; así mesmo, o 75 por cento dos cultivos alimentarios do mundo dependen en certa medida da polinización e o 35 das terras agrícolas mundiais. Os polinizadores non só contribúen directamente á seguridade alimentaria, senón que ademais son indispensables para conservar a biodiversidade.


Para crear conciencia sobre a importancia dos polinizadores, as ameazas ás que se enfrontan e a súa contribución ao desenvolvemento sostible, as Nacións Unidas declararon o 20 de maio como Día Mundial das Abellas.

O obxectivo principal é protexer ás abellas e a outros polinizadores para que poidan contribuír de forma significativa a resolver os problemas relacionados coa subministración de alimentos no mundo e acabar coa fame nos países en desenvolvemento.

Todos dependemos dos polinizadores e por ese motivo, é crucial controlar o seu declive e deter a perda de biodiversidade.
 

Necesitamos actuar xa

As abellas corren o perigo de extinguirse. As taxas actuais de extinción de especies son de cen a mil veces máis altas do normal debido ás repercusións humanas. Case o 35 por cento dos polinizadores invertebrados –en particular as abellas e as bolboretas–, e ao redor do dezasete por cento dos polinizadores vertebrados –como os morcegos– están en perigo de extinción a nivel mundial. Con todo, a poboación de polinizadores –en especial abellas e bolboretas– diminuíu de maneira preocupante, debido principalmente a prácticas agrícolas intensivas, cambios no uso da terra, praguicidas (incluídos os insecticidas neonicotinoides), especies exóticas invasoras, enfermidades, pragas e o cambio climático.Os agricultores e os responsables das políticas teñen un papel importante que desempeñar na protección dos nosos polinizadores. Pero tamén hai cousas que nós podemos facer.

Se esta tendencia continúa, algúns cultivos nutritivos —como froitas, froitos secos e moitas hortalizas— serán substituídos cada vez máis polos cultivos básicos como o arroz, o millo e a pataca, o que podería desembocar finalmente nunha dieta desequilibrada.

Os insectos invasores, os pesticidas, os cambios no uso das terras e os monocultivos poden reducir os nutrientes dispoñibles e supoñer unha ameaza para as colonias de abellas.

Consciente das dimensións da crise da polinización e a súa relación coa biodiversidade e a subsistencia do ser humano, o Convenio sobre a Diversidade Biolóxica fixo da conservación e o uso sostible dos polinizadores unha prioridade. No ano 2000, estableceuse a Iniciativa Internacional sobre Polinizadores, IPI, ( COP decisión V/5, sección II), na Quinta Conferencia das Partes (COP V), como unha iniciativa transversal para promover a acción coordinada global. O obxectivo é observar e controlar o descenso do número de polinizadores; abordar o problema da falta de información taxonómica sobre os polinizadores; avaliar o impacto económico do descenso dos servizos de polinización, e promover a conservación, recuperación e o uso sostible da diversidade de polinizadores na agricultura e ecosistemas afíns.

Que podemos facer?

Ti, no teu día a día: 
-Cultiva unha ampla variedade de plantas autóctonas que florezan en diferentes épocas do ano.
-Compra mel sen refinar aos agricultores da túa zona.
-Compra produtos a agricutores que leven a cabo prácticas agrícolas sostibles.
-Protexe as colonias de abellas silvestres.
-Apadriña unha colmea.
-Deixa unha cunca pouco profunda con auga limpa e pedras ou paus para que as abellas beban e non se afoguen.
-Axúdaos a manter os ecosistemas forestais.
-Crea conciencia sobre a súa situación, comparte esta información nos teus círculos e redes sociais. O declive no número de abellas aféctanos a todos!

Os apilcutores e agricultores poden:
-Reservar algunhas zonas como hábitat natural.
-Crear barreiras vexetais.
-Reducir ou modificar o uso de pesticidas.
- Respectar os lugares de aniñamento.
-Sementar atractivos de cultivo ao redor do campo.

Os gobernos e os responsables de elaborar estratexias deben:
-Fomentar a participación, o intercambio de coñecementos e empoderamento dos pobos rurais e indíxenas, así como das comunidades locais.
-Aplicar medidas estratéxicas, incluídos incentivos económicos para promover o cambio.
-Incrementar a colaboración entre organizacións nacionais e internacionais, institucións académicas e redes de investigación para xestionar, investigar e avaliar aos  polinizadores e os servizos de polinización.

Artigo traducido ao galego dende UN.org. Consulta aquí o orixinal.
Foto: Damien TUPINIER 

Voltar o listado

Empregamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia do usuario a través da sua navegación. Se continúas a navegar aceptas o seu uso. Política de cookies

Continuar navegando