Concello e Santiago Futsal colaborarán nunha campaña para animar á reciclaxe
Ramón García, Noa Morales e Xan Duro xunto con tres dos xogadores do club (Iago Barro, Santi Valladares e Víctor López).
Os concelleiros de Medio Ambiente, Xan Duro, e de Deporte, Noa Morales, xunto co presidente do Santiago Futsal, Ramón García, presentaron unha nova campaña de fomento da reciclaxe na que colaboran o Concello e o club compostelán. O equipo levará o lema "O Santiago Futsal recicla" durante esta tempada 2017-2018.
O concelleiro de Medio Ambiente, Xan Duro, destacou que un equipo coa traxectoria do Santiago Futsal participe na concienciación sobre a reciclaxe do lixo entre a veciñanza. Neste sentido, Xan Duro destacou os 15 anos de permanencia na División de Honra do equipo compostelán. A este recoñecemento sumouse a concelleira de Deporte, Noa Morales, quen apuntou que "é unha hora para o Concello colaborar co Santiago Futsal nesta iniciativa".
Pola súa banda, o presidente do Santiago Futsal, Ramón García, enmarcou esta campaña entre as accións sociais que vén desenvolvendo o club. Neste caso -explicou- para darlle visibilidade ao obxectivo da campaña, o club de División de Honra levará as cores da reciclaxe (verde, amarelo e azul) na súa segunda equipación. No caso das categorías de base, estas cores serán as da primeira equipación.
Ramón García tamén anunciou a posta en marcha de iniciativas puntuais para concienciar sobre a reciclaxe durante os partidos. Ademais, realizaranse visitas aos colexios para concienciar o alumnado sobre esta materia.
Vía: Concello de Santiago
Voltar o listado