Concello de Santiago, gañador do premio Cidade Sostible na categoría de xestión de residuos pola iniciativa Tropa Verde

 O programa Tropa Verde busca fomentar a reciclaxe e a responsabilidade ambiental entre a veciñanza

 O acto de entrega do premio tivo lugar na sede do Ministerio de Medio Ambiente

Premio ciudad sostenible

O galardón é outorgado pola Fundación Fórum Ambiental, co apoio do Ministerio de Agricultura, Pesca, Alimentación e Medio Ambiente, e coa colaboración de Ecoembes. O concelleiro Xan Duro recolleu a distinción nun acto celebrado hoxe na sede do Ministerio, en Madrid.
Os premios "Ciudad Sostenible" teñen como obxectivo recoñecer aos municipios e entes locais supramunicipais do Estado que aposten por proxectos e actuacións dirixidas a potenciar a sustentabilidade. O Concello de Santiago recibe a distinción na categoría de xestión de residuos polo proxecto Tropa Verde SCQ, unha plataforma que fomenta a reciclaxe e a responsabilidade ambiental premiando de forma directa as boas prácticas da cidadanía e contribuíndo á redución de residuos.


Na plataforma están rexistrados máis de 2.000 cidadáns e conseguiuse a patrocinio de 115 establecementos do comercio e da hostalería compostelá. Outros datos que falan do éxito do programa son que, en menos dun ano, repartíronse 4.700 cheques e ofertáronse 1.500 recompensas por un valor de 12.000 euros.


O acto de entrega do premio estivo presidido pola ministra de Agricultura, Pesca, Alimentación e Medio Ambiente, Isabel García Tejerina, e contou tamén coa presenza do presidente da Fundación Fórum Ambiental, Ramón Roca; e o director xeral de Ecoembes, Óscar Martín.

Outros galardóns 
Non é o primeiro premio que recibe esta iniciativa ambiental. En decembro do 2016 tamén fio a gañadora do "Premio R de Ecoembes" na categoría de mellor campaña de sensibilización das administracións públicas. Tamén no 2016 recibiu un dos premios APROEMA Medio Ambiente 2016 e en 2017 foi recoñecido en Tallín como "Boa Práctica" en Desenvolvemento Urbano Sustentable no marco do festival do programa europeo URBACT. 


Vía: Concello de Santiago

Voltar o listado