Cara á ‘era das pandemias’: o prezo de violar a natureza

O home entrou masivamente nas selvas e sofre agora as consecuencias: as enfermidades de orixe animal dispáranse e ameazan con novas pandemias.

F473f6899a89504f4028c3d9c98ffedd19a7eba7
Os científicos aseguran que vivimos a ‘era das pandemias’. E que non fixo máis que empezar: haberá crises peores. «As pandemias xurdirán no futuro con máis frecuencia, propagaranse máis rapidamente, terán maior impacto na economía mundial e poderían matar a máis persoas que o Covid-19». Detrás haberá, moi a miúdo, motivos ambientais. O home irrompeu na natureza virxe e iso ten consecuencias.

É o negro agoiro lanzado por un grupo internacional de 22 expertos, que alertaron aos estados para que adopten medidas destinadas a minimizar os factores de risco, en especial a deforestación e o comercio de vida silvestre.

O covid-19 é a sexta pandemia global desde a de gripe de 1918, e, aínda que ten a súa orixe en microbios transportados por animais –como todas as pandemias–, a súa aparición foi impulsada «enteiramente por actividades humanas», sinala o informe científico elaborado nun taller sobre biodiversidade e pandemias convocado pola Plataforma Intergobernamental Científico-Normativa sobre Diversidade Biolóxica e Servizos dos Ecosistemas ( IPBES), organismo independente con representantes de 137 nacións.

O problema é que se estima que existen 1,7 millóns de virus aínda «non descubertos» en mamíferos e aves, dos cales ata 827.000 poderían ter a capacidade de infectar aos seres humanos.

Os científicos aseguran que para escapar desta «era das pandemias» faise necesario «un cambio transformador no enfoque global para facer fronte ás enfermidades infecciosas: pasar da reacción á prevención».


Unha soa saúde para todo o planeta

«Non hai gran misterio sobre a causa da pandemia de covid-19 ou de calquera pandemia moderna. As mesmas actividades humanas que impulsan o cambio climático e a perda de biodiversidade tamén xeran riscos de pandemia a través dos seus impactos no noso medio ambiente», apuntou o Peter Daszak, presidente de EcoHealth Alliance e director do taller

«Os cambios na forma en que usamos o chan, a expansión e intensificación da agricultura, e o comercio, a produción e o consumo insostibles perturban a natureza e aumentan o contacto entre a vida silvestre, o gando, os patóxenos e as persoas. Este é o camiño que conduce cara ás pandemias», engadiu Daszak.

Protexer a natureza, a mellor prevención

Por contra, o risco de pandemias pode diminuír «significativamente» se se reducen as actividades humanas que impulsan a perda de biodiversidade, mediante «unha maior conservación das áreas protexidas» e «con medidas que reduzan a explotación insostible das rexións de alta biodiversidade».

Reducirase así o contacto entre a vida silvestre, o gando e os humanos, o que «axudará a previr a propagación de novas enfermidades», recolle o informe.

A pesar de que a ciencia ten unha capacidade «cada vez maior» de previr pandemias, «agora mesmo a forma en que as estamos abordando ignóraa en gran medida. O noso enfoque estancouse: aínda dependemos dos intentos de conter e controlar as enfermidades despois de que xorden, a través de vacinas e tratamentos», resaltou Daszak, que avogou por incidir na prevención.

O informe indica que depender das respostas ás enfermidades despois da súa aparición, con medidas de saúde pública e solucións tecnolóxicas, en particular o deseño e a distribución rápidas de novas vacinas e terapias, é «un camiño lento e incerto».

Os expertos calculan que o custo de reducir os riscos para previr as pandemias é 100 veces menor que o de reaccionar ante elas.

Tamén un  grupo de traballo multidisciplinar que asesora ao Ministerio de Ciencia e Innovación de España sinala: «Se se examinan as máis de 250 pandemias sufridas pola humanidade, chama a atención que a proporción delas xerada por patóxenos de orixe animal (zoonótico) incrementouse significativamente nos dous últimos séculos», apuntan.

Un 70% das novas enfermidades que xurdiron en humanos nas cinco últimas décadas (enfermidades emerxentes) son de orixe animal, do mesmo xeito que case todas as pandemias coñecidas.

As causas: non respectar os hábitats

As consideracións deste grupo  multidisiciplinar coinciden coas manifestadas por outros investigadores, que apuntan a que a deforestación, os asentamentos humanos en hábitats de fauna silvestre, a produción agrícola e gandeira e a urbanización desmesurada provocaron que desde 1960 xurdise un 30% máis de enfermidades infecciosas e con posibilidade de converterse en pandémicas.

«Dado a que non existen políticas de protección efectivas, os virus e bacterias infecciosas atopan un oco libre para expandirse rapidamente», recollen os expertos.

O mesmo afirma un artigo publicado hai unhas semanas na revista científica ‘ Environmental  Research’ que introduce o termo ‘enfermidade do  antropoceno’ e sinala que a pandemia de covid-19 é un exemplo claro diso, pois a orixe desta zoonose sitúase supostamente o mercado de  Wuhan, no que incorren diversas destas alteracións do medio con fins económicos, como a captura de especies exóticas ou a comercialización e o consumo mal regulado de animais.

Un informe redactado o ano pasado polo Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente ( PNUMA) identifica sete tendencias que impulsan a crecente aparición das  zoonoses; entre elas, «a maior demanda de proteína animal, o aumento da agricultura intensiva e insostible, a explotación da vida silvestre e a crise climática».

«A ciencia deixou claro que, se seguimos explotando a vida silvestre e destruíndo os ecosistemas, nos próximos anos teremos un fluxo constante de enfermidades pasando de animais a humanos», sinalou a directora executiva do  PNUMA,  Inger Andersen.

«As pandemias son devastadoras para as nosas vidas e as nosas economías, e como vimos nos últimos meses, quen máis sofren son os máis pobres e vulnerables. Para evitar futuros brotes, debemos protexer o medio ambiente de forma máis decidida», concluíu Andersen.

De aí o lema ‘unha soa saúde’, pois a saúde dos humanos está en consonancia coa saúde dos hábitats.

Artigo traducido ao galego dende Verde y Azul. Consulta aquí o orixinal en castelán.
Imaxe por ju-dit 
Voltar o listado

Empregamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia do usuario a través da sua navegación. Se continúas a navegar aceptas o seu uso. Política de cookies

Continuar navegando