Canta máis biodiversidade, máis saúde mental

Un estudo realizado en Alemaña vincula a flora e a fauna cun maior benestar psicolóxico. Ademais, constata que o acceso a espazos verdes é unha fonte de saúde física e mental.

C7eb2278611259bf4c157c608cd8e9a517cab2ec
"A tendencia para abandonar o medio rural para instalarse na cidade perdura a través dos séculos e, segundo todos os estudos, acentuarase no futuro. A poboación agruparase aínda máis en xigantescos núcleos urbanos, de costas á natureza. Esta concentración afectará á nosa saúde, tanto física como mental.

Hai multitude de informes científicos que falan do impacto que unha mala calidade do aire ten sobre os nosos pulmóns. Hoxe sabemos tamén que a ausencia de fauna e espazos verdes podería incidir na nosa saúde mental. Así o suxire un estudo conxunto do Centro Alemán para a Investigación Integrativa da Biodiversidade ( iDiv), o Centro de Investigación sobre a Biodiversidade e o Clima de Senckenberg ( SBiK- F) e a Universidade de Kiel publicado na revista Landscape and Urban Planning. «Unha persoa que viva nunha rexión con moitas especies diferentes de plantas e paxaros séntese mellor que unha persoa que viva nunha rexión con menor diversidade de especies», explica Joel Methorst, autor principal do estudo.

Durante os momentos máis duros da pandemia da COVID-19, moitas persoas chegaron a unha conclusión similar. Como explicar, se non, as mostras de asombro e alegría que brotaron durante o confinamento de 2020 coas imaxes (algunhas reais e outras non) de animais que invadían a contorna urbana? Baleas e golfiños achegáronse ás praias. Raposos, patos e ata cervatos deixáronse ver polos centros urbanos e as prazas dalgúns pobos. E esa visión, ademais da oportuna reflexión sobre a forma de vivir dos seres humanos, difundiu unha innegable sensación de felicidade.

Grazas a este estudo, o que era unha sospeita plausible ten hoxe un fundamento máis científico. A investigación alemá levou a cabo cunha mostra dunhas 30.000 persoas. Analizáronse os seus datos de saúde física e mental, así como a diversidade de especies animais e vexetais das súas contornas. «Os nosos resultados mostran que a conservación da natureza pode, de feito, entenderse como un medio para promover a saúde humana», afirma a profesora de economía ambiental Katrin Rehdanz, da Universidade de Kiel. Os científicos subliñan unha tendencia (un efecto positivo na abundancia de flora e fauna), aínda que non puideron establecer unha relación directa de causalidade coa saúde física.

Indirectamente si que habería unha vinculación: vivir preto de espazos verdes predispón máis ao paseo e ao exercicio. E tamén se estudou o seu efecto respecto ao xurdimento de enfermidades: hoxe xa sabemos que a destrución de biodiversidade fomenta as epidemias. Frear esta devastación, ademais, sería cen veces máis barato que enfrontar brotes como o da COVID-19.

Son importantes os paxaros para a saúde mental?


Un recente estudo realizado no Reino Unido sinalaba o efecto relaxante que produce mirar paxaros. Esta actividade, aparentemente neutra, podería aliviar a ansiedade e a depresión, e actuar positivamente sobre a nosa saúde. Os resultados, publicados na revista Bioscience, indicaban que aínda que non se vivise no campo, o feito de mirar aves proporcionaba benestar mental. Este descubrimento contrasta cun descenso radical de exemplares en todos os ámbitos, tanto no rural como no urbano.

Na investigación realizada en Alemaña fan fincapé na diversidade de aves máis que na súa abundancia. Ver paxaros, conclúen, non é beneficioso per se. O bo é ver moitos e de moitas variedades. «Isto podería deberse ao feito de que as especies máis abundantes son as pombas, as gaivotas e os corvos. E non son especies moi populares», suxire Joel Methorst.

Un caso de éxito na recuperación de contornas urbanas foi a renaturalización do río Manzanares, levada a cabo polo Concello de Madrid durante a administración de Manuela Carmena. A apertura das esclusas converteu unha canle morta e estancada en algo parecido a un humidal vivo. Descendeu o caudal, as augas comezaron a moverse e brotaron pequenas illas de vexetación no leito do río. Iso atraeu a especies de aves, réptiles e peixes desaparecidas durante décadas na capital: a garza real, o barbo, o martinete, o peixe gato, o martín pescador…

Esperanza Aguirre, que entón encabezaba a oposición no consistorio, criticou duramente esta aposta pola biodiversidade: acusou a Carmena de querer converter o Manzanares en «un charco inmundo». O seu sucesor e agora alcalde, José Luis Martínez-Almeida, incumpriu as súas promesas electorais e finalmente decidiu non reverter os cambios da anterior administración nin no concernente ao río nin en Madrid Central, o plan que restrinxe a circulación de coches polo centro da cidade.

Os paxaros, xa sexa polo seu número ou pola súa clase, son un claro síntoma de saúde ambiental: indican unha menor contaminación aérea e acústica, e por isto escasean ao redor das autovías e en núcleos urbanos cun intenso tráfico rodado. Respectar as súas contornas redunda nun beneficio cara aos seres humanos. E cara ao urbanita máis aínda. «A xestión dos espazos verdes é particularmente relevante na planificación das cidades. Investindo en biodiversidade podemos promover a saúde da poboación urbana», conclúe Katrin Rehdanz."

Nova traducida de: https://www.climatica.lamarea.com/mas-biodiversidad-mas-salud-mental/
Fotografía licencia CC de Chelsey Faucher
Voltar o listado

Empregamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia do usuario a través da sua navegación. Se continúas a navegar aceptas o seu uso. Política de cookies

Continuar navegando