Cada europeo xera 34,4kg de residuos de envases de plástico ao ano

En dez anos o volume de residuos de envases de plástico na UE por habitante aumentou un 24%. A UE necesita dobrar a súa capacidade de reciclaxe se quere cumprir os seus obxectivos para 2030

Fcfe76d681ae51c85947366b74bbbd82adc62e66
Cada cidadán europeo xerou en 2019 unha media de 34,4 quilos de envases de plástico, segundo datos difundidos este mércores por Eurostat, que indica que o 41% deses produtos recicláronse, é dicir, uns 14,1 kg por habitante.

A oficina de estatística comunitaria sinalou nun comunicado que entre 2009 e 2019 o volume de residuos de envases de plástico na UE por habitante aumentou un 24%, o que se traduce en 6,7 quilos, aínda que a taxa de reciclaxe deses materiais avanzou aínda máis rápido, ata nun 50%, que supón 4,7 quilos máis.

“A pesar desta mellora, a cantidade de envases plásticos que non se reciclaron aumentou en 2 quilos por habitante desde 2009 debido ao maior incremento no valor absoluto dos residuos de envases plásticos xerados”, sinalou Eurostat.

A media comunitaria de reciclaxe deses envases por habitante foi do 41%, aínda que con diferenzas extremas entre o 70% de Lituania e o 11% de Malta (este último con datos de 2018).

Ademais do citado país báltico, situáronse por encima da media da UE  Chequia (61%), Bulgaria (59%, con datos de 2018), Países Baixos (57%), Suecia e Eslovaquia (ambos os 53%), España (52%),  Chipre (51%) e Eslovenia (50%).

En cambio, ademais de Malta, os que obtiveron peores taxas de reciclaxe de envases plásticos por habitante foron Francia (27%), Irlanda (28%), Austria (31%), Polonia (32%) e Hungría (33%).

A UE dotouse en 2018 dun novo marco xurídico, aínda en fase de implementación, para avanzar cara a unha economía máis circular, que aspira a que a UE recicle en 2025 o 50% dos envases de plástico que se utilizan e o 55% en 2030, é dicir, o dobre que o estipulado na normativa de 1994.

Unha das medidas máis contundentes da UE para atallar o problema é unha contribución nacional de 0,8 euros por quilo baseada na cantidade de residuos de envases de plástico non reciclados, en vigor desde xaneiro de 2021, partida de fondos que servirá para financiar o orzamento comunitario.

A taxa, que inclúe un mecanismo de corrección para non penalizar aos Estados menos ricos, calcúlase dous anos despois do ano analizado para dispoñer de datos definitivos, de forma que os cargos de 2021 coñeceranse en 2023.

O Tribunal de Contas Europeo sinalou en 2020 nunha auditoría que a UE necesita dobrar a súa capacidade de reciclaxe se quere cumprir os seus obxectivos para 2030, e alertou de que se trata dunha actividade na que impera unha falta de control que beneficia o tráfico ilegal e o lavado de diñeiro.

Artigo traducido ao galego dende EL Ágora Diario. Consulta aquí o orixinal.
Imaxe de Zuzanna Szczepańska.
Voltar o listado

Empregamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia do usuario a través da sua navegación. Se continúas a navegar aceptas o seu uso. Política de cookies

Continuar navegando