Cada español tira ao ano uns 14 quilos de roupa de media

Durante o período 2007-2015 descendeu o gasto por fogar no sector pero mantívose o número de pezas consumidas

Large foto ropa asirtex
Cada español consome unha media de 34 pezas ao ano e refuga no mesmo período entre 12 e 14 quilos de roupa, a maior parte da cal é comercializada no mercado de segunda man, segundo o informe facilitado a Efe pola Asociación Ibérica de Reciclaxe Téxtil (Asirtex).

Durante o período 2007-2015 descendeu o gasto por fogar no sector pero mantívose o número de pezas consumidas, o que certifica un crecente consumo grazas á tendencia "low cost" (prezos baixos), á conta da calidade do produto.

Isto xera un dobre risco ecolóxico pois "estamos a crear hábitos inadecuados ao favorecer un hiperconsumo innecesario e, ademais, a roupa barata fabrícase cunha materia prima cada vez peor, que dificulta e mesmo impide a súa reciclaxe", explicou o presidente de Asirtex, Pedro Andrés Oliver. Das pezas descartadas, entre 1,5 e 2,5 quilos por persoa/ano acaban directamente en vertedoiro e só un 20% pódese reciclar como recheo de colchóns, acústicos térmicos, tabiques illantes ou trapos.

Segundo Pedro Oliver:  "O sector produce uns 100.000 millóns de pezas anuais no mundo, das cales algunha empresa española xera 1.000 millóns" o que "terminará afogando ao consumidor". A súa conclusión é que "neste momento a industria téxtil é unha das máis contaminantes do mundo" e "todo apunta a que o futuro pasará polas incineradoras" a pesar de que o informe lembra que o compromiso de España coa UE é reciclar 490 millóns de quilos de roupa anuais en 2020. Ante as dificultades da reciclaxe, queda a opción do mercado de segunda man "onde termina case toda a roupa que non vai a vertedoiro, porque non hai doazóns reais".

Vía: Gestores de Residuos

Voltar o listado