ADEGA convoca a VI Edición dos Concursos polo Territorio
É moita a beleza do territorio galego e tamén son moitas as agresións que está a sufrir, dende calquera punto de vista patrimonial, cultural, paisaxístico, perda de identidade, etc. É por iso que ADEGA (Asociación para a defensa Ecolóxica de Galiza), co patrocinio da Área de Cultura e Turismo da Deputación Provincial de Lugo, convoca esta 6º edición do concurso de fotografías polo territorio.
ADEGA convoca unha nova edición dos Concursos polo Territorio, destinada a ofrecer unha oportunidade á sociedade galega de retratar o estado actual do territorio galega a través da imaxe e da palabra. Por sexto ano consecutivo, os certames pretenden facer partícipe a cidadanía galega na reivindicación dunha ordenación territorial sustentábel na que se eviten as ansias especulativas dos poderes privados sobre o territorio, ás veces, en conivencia coa administración pública, e na que se propoñan alternativas máis coherentes coa defensa ambiental, coa cohesión social e coa posta en valor do noso patrimonio cultural.
Estes concursos enmárcanse dentro da campaña “Ponte no medio. Móvete polo territorio” que ADEGA ten posta en marcha desde o ano 2011 e contan coa axuda da Área de Cultura da Deputación provincial de Lugo.
ADEGA anima á participación nesta nova edición dos certames de fotografía, relato e curtas polo Territorio que o ano pasado reuniu un montante de 84 fotografías, 63 relatos e 11 curtametraxes.
VI Concurso "Fotografías polo Territorio"
As fotografías deberán ter como obxecto mostrar os efectos de actividades humanas que supoñen unha agresión ao noso país xa sexa contra o patrimonio, a cultura, a paisaxe ou a identidade territorial. Tamén se poden enviar fotografías que amosen exemplos positivos de posta en valor e defensa da nosa contorna.
Cada participante poderá presentar como máximo un total de 4 fotografías cos seus datos persoais e a localización xeográfica das imaxes, que terán que ser enviadas a ADEGA através do e-mail: culturaeterritorio@adega.gal.
Neste certame establécense dúas categorías de participación: a xuvenil, ata os 16 anos; e a adulta, para maiores de 16 anos.
Os Premios para a Categoría Adulta serán un Diploma e 200 euros; e os premios para a categoría Xuvenil, Diploma e 150 euros. O prazo para presentar as fotografías remata o día 1 de novembro do 2016.
VI Concurso "O lugar onde vivo"
Os relatos curtos poderán ser historias fantásticas, feitos reais ou experiencias propias, sempre e cando o eixe do relato xire arredor das visións que a poboación galega ten sobre o lugar no que vive; como é, como foi, como quixeramos que fose, a importancia da súa conservación, as agresións sufridas polo mesmo, as experiencias positivas que se dan na súa configuración, etc.
Cada participante poderá presentar un máximo de 2 relatos inéditos en lingua galega, que terá que enviar por correo postal ao enderezo de ADEGA Lugo (Ronda das Fontiñas 180, entrechán) ou por correo electrónico a culturaeterritorio@adega.gal.
Para esta convocatoria tamén se establecen as categorías xuvenil e adulta e o prazo límite de presentación das obras remata o día 1 de novembro de 2016.
Os Premios serán de 250 euros máis diploma para o gañador/a da Categoría Adulta e 200 euros e diploma para a categoría xuvenil.
V Concurso "E ti, que é o que ves?"
As curtametraxes poden ser de ficción, documentais ou de animación e deberán dar mostra de exemplos de posta en valor da nosa cultura, dos nosos recursos naturais ou do territorio en xeral e/ou denunciar aquelas actuacións que resulten agresivas co mesmo.
Cada participante poderá presentar un máximo de 4 proxectos audiovisuais, que terá que enviar en formato DVD, por correo postal ao enderezo de ADEGA Lugo (Ronda das Fontiñas nº 180 Entrechán); ou através dalgunha plataforma online de intercambio de arquivos, tipo Dropbox, Wetransfer, Google Drive, ou enviar a ligazón de descarga ao email: culturaeterritorio@adega.gal.
Establécese unha única categoría para este certame e o prazo límite de presentación dos traballos remata o día 1 de novembro de 2016.
O 1º Premio levará un Diploma e 250 euros e o 2º Premio obterá un Diploma e 150 euros.
Vía: ADEGA
Voltar o listado