A reciclaxe de roupa, unha práctica en auxe
Europa refuga preto de seis millóns de toneladas de téxtiles ao ano.
Reciclar converteuse nunha das prácticas obrigadas no mundo. Hai reciclaxe de plástico, papel, vidro..E desde hai pouco, tamén a moda sumouse á reciclaxe. Algo necesario, xa que Europa refuga preto de seis millóns de toneladas de téxtiles ao ano. En 2013 a empresa H&M comezou un programa de recollida e reciclaxe de roupa. Aos poucos, máis empresas do sector téxtil uníronse a esta causa. A última en facelo foi o gran xigante Inditex.
A multinacional Inditex sumouse ás campañas de doazón e reciclaxe de moda. Para iso, instalou colectores nas súas tendas co proxecto Closing the loop. Trátase dun novo plan de investimento, Right to wear, no que levarán a cabo acciones de sustentabilidade e que incluirá sistemas de recollida de pezas nos seus centros e en tendas específicas en colaboración con organizacións como Cáritas ou Cruz Vermella.
Inditex non é a única firma involucrada nesta iniciativa de converter a distribución téxtil nun proceso circular. O grupo sueco H&M, consciente do problema existente, lanzou en 2013 un programa de recollida e reciclaxe de roupa con Soex para premiar aos clientes. Por cada bolsa de roupa usada que levasen á tenda, facíaselles un desconto para comprar pezas novas. Outro exemplo foron os vaqueiros de Henrik Lampa, que forman parte dunha pequena colección da firma sueca realizada nun 20% con algodón reciclado. A lista de empresas que se foron apuntando a esta tendencia seguiu crecendo e marcas como Puma e The North Face tamén xa teñen programas de reciclaxe.
Este tipo de proxectos tiveron unha gran acollida entre os consumidores. De feito, por mor destas iniciativas xurdiu un movemento cidadán solicitando que a marca Primark fixese o mesmo e puxese colectores para reciclar pezas.
A RECICLAXE TÉXTIL
A importancia de reciclar a roupa está demostrada por datos. A fabricación dunha camiseta implica o gasto de entre 2.000 e 2.900 litros de auga. Para facer uns vaqueiros dun quilo requírense máis de 11.800 litros. É a cantidade de auga necesaria para poder cultivar e procesar o algodón co que son confeccionadas estas pezas. Ademais, hai que engadir os pesticidas que lles son agregados e a contaminación que carrexa o transporte desde os afastados países nos que se adoitan confeccionar.
Na planta de reciclaxe de Wolfen (Alemaña) do grupo suízo SOEX, tentan dar á roupa unha segunda oportunidade. Cada día chegan a esta nave 350 toneladas de pezas procedentes de toda Europa, recollidas en colectores ou en tendas. Unha vez aí hai dúas opcións:
- Se se poden utilizar outra vez, son separados para venderse no mercado de segunda man. A roupa vintage é a máis buscada.
- Se non se pode reutilizar destínase a trituradora e acaban transformándose en fibra para a industria do automóbil e a construción (aproveitada como illante), en bayetas para a limpeza e mesmo nunha mestura que pode ser reutilizada para confeccionar roupa nova. Ademais, o po que se produce durante a fabricación das fibras se prensa en bloques que se usan na industria papeleira.
O discurso ecolóxico está a cobrar cada vez máis importancia na industria da moda, xa sexa por cubrir unha demanda real, por cuestións de imaxe ou por unha mestura de ambos os factores.
Vía: Gestores de Residuos
Voltar o listado