A Amazonía, un paraíso case perdido

A  Amazonía, considerada o «pulmón do planeta», xa está a emitir máis carbono á atmosfera do que retén.

608cb58d6f21d02c559b1f2d9064d00077d0f630
A Luciana Gatti algo non lle cadra: no seu laboratorio de análise atmosférica, esta química brasileira repasa os números unha e outra vez, buscando o erro.

Pero os cálculos séguenlle lanzando a mesma conclusión desoladora na pantalla do computador: a  Amazonía -considerada «o pulmón do planeta», o «océano verde» co que a humanidade espera absorber a contaminación para salvarse do colapso ambiental-, agora emite máis carbono do que retén.

A cunca amazónica, exuberante masa verde que se estende por nove países en Sudamérica, é un dos maiores territorios naturais do planeta, cunha abundante vida salvaxe que latexa baixo a calor tropical e ríos que o sucan como veas azuis.

É un bioma que alberga máis de tres millóns de especies e a súa frondosa vexetación absorbe mediante a fotosíntese inmensas cantidades de carbono, algo clave para frear o quecemento global causado polos gases de efecto invernadoiro.

As emisións de dióxido de carbono (CO2) aumentaron 50% nos últimos 50 anos, alcanzando máis de 40.000 millóns de toneladas no mundo en 2019. Ata hai pouco, a  Amazonía viña absorbendo gran parte desa contaminación: case 2.000 millóns de toneladas por ano.

Pero no últimas cinco décadas o home tamén deforestou e queimou franxas enteiras para destinalas á gandería e a agricultura.

Gatti, que traballa no Instituto de Investigacións Espaciais de Brasil, pasou os últimos anos analizando canto carbono emite a Amazonía e canto absorbe, atenta aos sinais do escenario máis temido: que a destrución do territorio o empurre cara a un punto de non retorno e transforme gran parte da selva en sabana.
   
Os científicos aseguran que pasar ese limiar sería catastrófico: en lugar de axudar a combater o cambio climático, a Amazonía pasaría a aceleralo, porque a extinción en masa das súas árbores implicaría o retorno á atmosfera do equivalente a 10 anos de emisións de carbono.

Cando non está no seu laboratorio preto de Sao Paulo, Gatti adestra aos pilotos de avioneta que a axudan a recoller o seu material: descendendo en espiral desde unha altura de 4.400 metros, atrapan con frascos pequenas mostras de aire.

Desta forma esta científica, de 61 anos, que necesita tomar pastillas contra o mareo antes de cada voo, foi testemuña dunha historia cada vez máis sombría.

As conclusións de Gatti e o seu equipo foron publicadas na revista Nature. E son desalentadoras.

Primeiro: a Amazonía xa se transformou nunha fonte neta de carbono, principalmente debido aos lumes provocados polo home. Segundo: incluso restando as emisións provintes dos incendios, o sueste da Amazonía igualmente emite máis carbono do que absorbe.

Así, esa rexión -corazón do sector gandeiro en Brasil, maior produtor e exportador mundial de carne e soia-, non precisa outro empurrón humano para expulsar carbono á atmosfera: está a facelo por si mesma.

«Estamos a matar a Amazonía. E as proxeccións climáticas non están tendo en conta iso. Por moi negativas que sexan as previsións, de feito son optimistas», afirma Gatti.

«A Amazonía converteuse nunha fonte de carbono moito antes do que esperabamos. Iso significa que tamén alcanzaremos ese escenario horrible moito antes» do previsto, engade.

O seu é un dos varios estudos recentes que acenden unha alerta vermella sobre esta situación. E baséase en datos recollidos entre 2010 e 2018.

Desde entón, a destrución acelerouse, especialmente en Brasil, que alberga o 60% da  Amazonía, coa chegada ao poder en 2019 do presidente ultradereitista Jair  Bolsonaro, gran aliado do poderoso lobby do agronegocio que defende a apertura de reservas indíxenas e terras estatais á agricultura e minería.

Baixo o seu goberno, a deforestación na selva pasou dunha media anual de 6.500 km2 na década anterior, a ao redor de 10.000 km2, unha área equivalente á superficie de Xamaica ou Líbano.

Os científicos afirman que é imposible predicir que tan preto está a selva do seu punto de non retorno. Pero os achados de Gatti indican que está a se balancear perigosamente na rocha e que mesmo xa empezaría a caer polo abismo, polo menos en parte da  Amazonía.

Artigo traducido ao galego dende National Geographic. Consulta aquí o orixinal
Imaxe por Sébastien Goldberg 
Voltar o listado

Empregamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia do usuario a través da sua navegación. Se continúas a navegar aceptas o seu uso. Política de cookies

Continuar navegando